O Rosal xa está listo para acoller este sábado o XXXII Trofeo Ciclista Pista de As Faias

Esta cita dará comezo ás 16.00 h da tarde e reunirá a 160 participantes

Este sábado, 24 de agosto, O Rosal celebrará sobre rodas a XXXII edición do Trofeo Pista das Faias. Esta competición, que está organizada polo Club Ciclista do Rosal e co apoio do Concello e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xoán de Tabagón, contará con 160 ciclistas de diversas idades.

Entre as categorías que podemos atopar no trofeo están as de Promesa, Principiante, Alevín, Infantil e Cadete, todas elas en masculino e femenino, así como categoría Junior femenina. En canto as probas que se desenvolverán, os máis pequenos realizarán un circuito de xincana e os maiores, pola súa parte, competirán en pista.

Cabe destacar tamén que, esta será unha proba pouco habitual dentro do calendario da Federación Galega de Ciclismo ó desputarse nas categorías Infantil, Cadete e Junior (tanto masculino como femenino) tandas de Eliminación Americana.

Esta iniciativa, que se consolida unha vez máis como un evento de referencia no ciclismo galego, “é posible realizala grazas á implicación dende fai anos do Club Ciclista O Rosal no ámbito deportivo, inculcando dende pequenos o esforzo e a paixón polo deporte das dúas rodas”, tal e como coinciden a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís e o Concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo.