O SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ DO BAIXO MIÑO ATENDE XA A 88 FAMILIAS DA COMARCA

O servizo incrementou de forma notable nos últimos meses o número de casos atendidos, aínda que segue a ter unha ampla lista de agarda

O Servizo de Atención Temperá (SAT) da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño segue crecendo de forma paulatina dende a súa posta en marcha a finais de 2020. Tras a ampliación do servizo despois dun ano en funcionamento debido á alta demanda, a unidade está a atender actualmente a 88 familias da comarca, familias con fillos e fillas con dificultades de desenvolvemento que poden ser tratadas sen ter que desprazarse ata Vigo.

A coordinadora da unidade, Andrea Álvarez, destaca a alta demanda que ten o servizo na comarca, que se reflicte nunha lista de agarda que segue a crecer. Dende a posta en marcha do servizo no ano 2020 un total de 202 familias procedentes dos catro concellos integrados na Mancomunidade (A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui) solicitaron atención, dando unha media de 70 novas peticións por ano. Aínda que cunha demanda bastante equilibrada, o servizo de logopedia é o máis solicitado, seguido do de psicoloxía e do de fisioterapia.

O SAT Baixo Miño comezou a funcionar nos últimos meses do ano 2020 e conta cun equipo formado por dúas psicólogas, unha fisioterapeuta e dúas logopedas. O servizo está destinado especialmente a familias con fillos e fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar.

Aos nenos e nenas que cheguen á unidade derivados dende pediatría faráselles unha valoración xeral ou específica nas áreas que precisen, elaborando depois un Proxecto de Atención Especializada que se coordinará co Servizo de Atención Primaria, os centros educativos e as familias. Algúns dos obxectivos cos que traballa a unidade son potenciar a autonomía e desenvolvemento psicomotriz de nenos e nenas ou tratar dificultades de linguaxe ou problemas de comunicación por trastornos como o TEA, a falta de audición… a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora.

Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886 15 61 72 ou enviar un correo electrónico a atenciontempranamibm@cogami.gal. O SAT Baixo Miño está cofinanciado a través de axudas do Fondo Social Europeo e da Xunta de Galicia.