
28 Abr 2025 O talento literario do Rosal conquista o concurso de Relato Curto en Galego con 90 propostas
Ao abeiro da Feira do Libro de Segunda man o Concello entregou os premios da primeira edición deste certame, unha iniciativa que busca impulsar a creatividade e a lingua galega en todas as idades
A imaxinación ten voz propia no Rosal. O concurso de Relato Curto en galego posto en marcha polo Concello pecha a súa primeira edición cun rotundo éxito de participación con 90 propostas presentadas por 83 participantes, demostrando que a creatividade latexa máis forte ca nunca entre a veciñanza rosaleira.
Ao longo desta primeira convocatoria presentáronse a concurso 32 relatos na categoría infantil, 12 na xuvenil e 46 na de persoas adultas. Unhas propostas de alto nivel entre as que o xurado valorou a calidade da redacción, a capacidade de comunicación, a orixinalidade e a complexidade do relato e os recursos literarios para escoller ás tres escritoras e escritores gañadores por categoría.
Na categoría infantil as e os gañadores foron:
- Primeiro premio: ‘As meigas e a fin da Covid’, de Celia María Pérez Vázquez.
- Segundo premio: ‘As plumas da morte’, de Arwen Fernández García.
- Terceiro premio: ‘Un pesadelo intenso’, de Cloe de Oliveira Real.
Na categoría xuvenil foron:
- Primeiro premio: ‘O burato’, de Naomi Baz Seidel.
- Segundo premio: ‘O diario de Samuel’, de Sara García Gómez.
- Terceiro premio: ‘Entrañas’, de Fiume Tinelli Bouzas.
E na categoría adulta os galardóns foron:
- Primeiro premio: ‘A copia’, de Felipe Rodríguez Escribano.
- Segundo premio: ‘A importancia da Herba Luisa’, de Sara Vicente Alonso.
- Terceiro premio: ‘O Pazo’, de Domenico Tinelli.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou que “este concurso é unha mostra máis de que a nosa lingua está viva, que é vehículo de emocións, soños e reflexións para todas as idades. No Rosal apostamos pola cultura como motor de identidade e futuro”.
Pola súa parte, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, salientou que “con este concurso queremos crear un espazo onde a lingua sexa protagonista, onde recoñecer a creatividade da veciñanza e no que todas as persoas poidan expresarse sen importar a súa idade”. O edil quixo agradecer tamén a todas as persoas que participaron “por facer desta primeira edición un éxito e demostrarnos que no Rosal hai un potencial literario impresionante”.
O Concurso de Relato Curto en Galego do Rosal naceu con vocación de continuidade e co obxectivo claro de transformar a creatividade en galego nunha actividade lúdica e enriquecedora, fomentando ao tempo a participación literaria, especialmente entre cativada e mocidade, e fortalecendo a cultura no municipio.