O Trofeo Montes das Eiras de ciclocross celebra os seus 25 anos de vida

O TROFEO MONTES DAS EIRAS DE CICLOCROSS CELEBRA OS SEUS 25 ANOS DE VIDA

A carreira reunirá este sábado 11 a máis de 260 participantes nun circuíto que transcorrerá polo viñedo de Terras Gauda

O Trofeo Montes das Eiras de ciclocross celebra os seus 25 anos de vidaO Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross celebra esta fin de semana os seus 25 anos de vida por todo o alto. Máis de 260 persoas participarán este sábado 11 de novembro nesta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello e que por segundo ano consecutivo se celebrará nun escenario único en Galicia, os viñedos da adega Terras Gauda.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo dar os seus parabéns ao club “por ser quen de manter vivo o espírito da proba durante un cuarto de século, ofrecendo circuítos únicos e innovadores para as e os corredores e facendo que cada ano sexan máis as persoas que se animan a participar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou a singularidade do circuíto, “un elemento distintivo do trofeo que permitir vincular unha proba deportiva tan importante cunha sinal de identidade do Rosal como é o viño”. No acto de presentación da proba participaron ademais da rexedora e o concelleiro, representantes do club ciclista, da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo e da bodega Terras Gauda.

A partir das 11.30 horas tomarán o circuíto corredoras e corredores de ata 18 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclista dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver o circuíto completo dende distintas posicións dada as características do terreo. A proba rematará ás 18.00 horas coa entrega de premios.

O Concello quere felicitar ao Club Ciclista O Rosal por facer ao público desfrutar un ano máis deste grande evento nunha contorna espectacular e agradecer xunto ao club a implicación de Terras Gauda no trofeo, así como a colaboración da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia, de todas as empresas e entidades patrocinadoras e do equipo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil.