O ‘UNIVERSO PERIPATÉTICO’ DO FOTÓGRAFO ALBERTE PEREIRA, NO MERCADO DO ROSAL

O autor inaugura este sábado 21 esta exposición de máis de 70 imaxes que poderán verse na Daordaria Gastro Bar ata o vindeiro 26 de novembro

O ‘Universo Peripatético’ do fotógrafo Alberte A. Pereira, no mercado do Rosal‘Universo Peripatético’ do fotógrafo Alberte A. Pereira desembarca esta fin de semana no mercado do Rosal. O autor inaugura este sábado 21 no Daordaria Gastro Bar unha exposición que recolle máis de 70 fotografías que pertencen a seis series que o autor creou sen vocación de conxunto entre elas, pero que, como sinala o propio Pereira, “o paso do tempo fixo que me dera conta que dialogaban perfectamente”.

Unha reflexión sobre a contorna urbana nas cidades contemporáneas que o público poderá descubrir a través da serie ‘Fragmentos’, que a través da súa visión peculiar resalta a soidade dos habitantes da cidade en contraste co bulicio. En ‘Ángulos mortos’ mergúllase na distopía urbana revelando unha sorte de mapa antiturístico e en ‘Rastros’ explora as intervencións diarias no espazo público.

A mostra continúa con anacos de ‘Obsolescencia’, que destaca a decadencia do comercio tradicional fronte as grandes superficies e o comercio en liña; cos ‘Retratos intervidos’, a serie máis pictórica de todas as recollidas na exposición; e coas ‘Relacións inopinadas’, fotografías nas que o autor intenta representar relacións baseadas no anonimato da contorna urbana.

Afincado no Rosal, Alberte A. Pereira é un fotógrafo autodidacta e independente que tras un primeiro contacto coa fotografía nos anos 80, leva xa máis dunha década percorrendo o espazo público e sendo testemuña do que nel acontece. Con imaxes publicadas en medios escritos e dixitais, as súas fotografías recibiron numerosos recoñecementos en certames e festivais e formaron parte de numerosas exposicións individuais e colectivas a nivel estatal e internacional.

A mostra ‘Universo Peripatético’ inaugurarase ás 12.30 horas e contará cunha sesión de música a cargo do DJ Paco Nonovo. A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 26 de novembro de martes a domingo en horario de 11.30 a 16.00 e de 18.30 a 01.00 horas.