O VINDEIRO DOMINGO 23 DISPUTARASE A 15K DEL ATLÁNTICO BANCO MEDIOLANUM

A xa tradicional 15K del Atlántico Banco Mediolanum chega a súa novena edición, consolidándose como unha das probas de referencia no calendario do atletismo galego.

Este martes presentouse a novena edición da 15k del Atlántico – Banco Mediolanum, nun entorno único por onde pasará a proba o próximo 23 de outubro, a Explanada do Horizonte, en Portecelo,  O Rosal.

A proba deportiva referente do running galego reunirá este ano a ao redor de 600 atletas na 15k e 200 na categoría de andaina,  empregando parte do percorrido do Camiño Portugués da Costa que conduce a Santiago.

O inicio da proba da carreira será o día 23 ás 11:00 horas dende o Campo de fútbol de Oia, con chegada ao Porto da Guarda. No caso da andaina, a saída será dende o mesmo lugar pero ás 10:00 horas.

A organización disporá dun servizo de autobús antes e despois da proba.

No acto de presentación desta mañá, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez Callís, salientou “a visibilidade que un evento onde acode máis dun 90% de participantes de fóra pode supoñer para a comarca”. Na súa intervención, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, referíuse tamén ao gran pulo que un evento así, cunha altísima participación, ten para a localidade. E pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, celebrou “o gran impacto co que conta a proba dende hai xa 9 anos pois verase reflectido nos negocios locais durante toda a fin de semana”.

Finalmente, Ivonne Pousa, responsable de Banco Mediolanum zona norte, falou da relevancia que ten esta proba para a entidade, así como da importancia de unir deporte e solidariedade.

De feito, a proba conta cunha parte solidaria: doarase un euro de cada inscripción a DOWN VIGO e abrirase unha ‘fila 0’ en MI GRANO DE ARENA co obxectivo de recadar recursos para a devandita asociación.

As inscricións seguen abertas ata o 19 de outubro na web oficial do evento https://bancomediolanum15kseries.com/.