OBRA SOCIAL “la Caixa” FINANCIA UN PROXECTO DE TERAPIA FAMILIAR NO CONCELLO DO ROSAL

Mª del Carmen Alonso Alonso alcaldesa do Rosal, e Eugenia Rial Fernández directora da oficina de CaixaBank no Rosal e María Álvarez Casanova subdirectora, asinaron o pasada semana un convenio entre ambas entidades polo que a Obra Social “la Caixa” financiará un proxecto de atención a persoas en situación de vulnerabilidade e terapia familiar.
A Obra Social “la Caixa” non é a primeira vez que colabora co concello do Rosal, polo que dende o concello do Rosal agradecen enormente este feito, e recoñecen o apoio que sempre amosou a entidade coa veciñanza e co propio concello.
Dende hai anos un psicólogo e terapeuta familiar ven atendendo ás familias que se atopan en situación de risco dous veces ao mes, pero esta atención é claramente insuficiente polo que a Obra Social “la Caixa” financiará este proxecto presentado polo concello cunha aportación de 2.940 euros.
No concello do Rosal ven traballando dende o ano 2008 un psicólogo terapeuta familiar 8 horas repartidas en dúas sesións mensuais, 10 meses ao ano. Nelas realiza terapia con familias e menores. Este servizo non é a petición do propio usuario, senón que vén derivado de profesionais do departamento de servizos sociais do concello, do departamento de orientación dos centros educativos e da pediatra do centro de saúde, mediante un informe de derivación.
O presente programa xorde logo de detectar unha carencia en canto á duración do servizo no tratamento e terapia psicolóxica na poboación máis desfavorecida do concello do Rosal.
Existe unha franxa de poboación xuvenil cunhas necesidades moi concretas ás que hai que dar solución desde a administración, e cun equipo multidisciplinar formado por diferentes profesionais que poidan traballar estas dificultades dende varios enfoques. Estes mozos e mozas viven en familias ás que se podería ampliar o servizo xa que en moitas ocasións atravesan procesos de separacións  complexas.
Debido ao aumento das dificultades e á carencia de recursos e habilidades sociais das persoas destinatarias do proxecto, o servizo é claramente insuficiente nestes momentos. A lista de espera do servizo aumentou nos últimos meses, ata contar cunha espera de aproximadamente 2 meses.
O tipo de terapias que permitirá ampliar o proxecto presentado polo concello do Rosal á Obra Social “la Caixa” serán:
Terapia individual: Sesións individuais tanto con mulleres como con mozo/as, nas que se potencie os recursos internos da persoa e axudar na abordaxe das dificultades.
Mellorar as circunstancias que levaron a un deterioro persoal e social, e ofrecer apoio nas diferentes etapas polas que se pasa ata chegar a unha recuperación completa da persoa.
Intervención grupal: Crear un espazo onde as mulleres poidan falar libremente do seu proceso de separación e os seus medos, pero tamén da súa recuperación e os seus logros.
Obradoiros prácticos para pais e nais: Nestes obradoiros se darían ferramentas e desenvolvemento de habilidades, dotando ao grupo de patróns sobre normas e límites a establecer cos seus fillos e fillas. Facilitar o diálogo entre pais e nais que teñan interese ou preocupación sobre este tema, e promover a participación activa do pai e da nai na educación dos fillo/as.

O proxecto de terapia familiar comenzará en breve a ampliar o seu servizo no mes de setembro.