Ocio educativo e nocivo na infancia, última charla este curso do ‘Educando en familia’

OCIO EDUCATIVO E NOCIVO NA INFANCIA, ÚLTIMA CHARLA ESTE CURSO DO ‘EDUCANDO EN FAMILIA’

O programa posto en marcha polo Concello do Rosal continúa este venres 17 de xuño ás 19.00 h no Centro Social Polivalente coa participación da educadora social Angelina Gándara

O programa ‘Educando en familia’ chega ao seu fin este curso escolar cunha nova charla coa que continuar dando resposta a moitas das inquedanzas coas que día a día se atopan nais e pais rosaleiros. A educadora social Angelina Gándara, de AGA Formación, pechará o ciclo de charlas este venres 17 de xuño falando cos pais e nais sobre o ‘Uso do lecer na infancia: ocios educativos e nocivos’.

Con esta charla invitarase a todas as persoas participantes a reflexionar sobre temas como a saturación de axendas das crianzas e a hiperestimulación, afondarase sobre o que son ocios educativos e nocivos e destinarase un apartado destacado á importancia dun uso responsable das pantallas.

Con este encontro péchase unha programación “coa que se abordaron temas moi variados sobre a educación e a crianza e que permitiron achegar ás familias ferramentas prácticas para a vida cotiá”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A charla será ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa a través da web do Concello para reservar praza. Co obxectivo de facilitar a asistencia das familias a estas charlas, ofertarase un servizo de canguro cun mínimo de 5 prazas cubertas para o que si é necesario reservar e confirmar asistencia.

A rexedora anima a toda a veciñanza a participar neste último encontro deste programa municipal co que se busca “apoiar a todas as familias rosaleiras que están en plena crianza, unha tarefa complexa que pode xerar moita inseguridade e medos en todos os pais e nais”.