Orgullo nos ‘Faladoiros no Xardín’ para derrubar a LGBTIQfobia

O Concello pecha o ciclo de charlas este 27 de xuño, véspera do Día Internacional do Orgullo

O Rosal pecha os ‘Faladoiros no Xardín’ visibilizando, explorando e apoiando a diversidade máis que nunca. Na véspera do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ, o Concello celebra a última sesión deste ciclo de charlas distendidas que ao longo do mes de xuño permitiu xerar espazos seguros para avanzar cara a un municipio máis xusto, respectuoso e inclusivo.

O vindeiro xoves 27 de xuño o ciclo baixará o pano da man de Outrora S. Coop. Galega e a súa charla ‘Medrando con orgullo, desterrando a LGTBIQfobia’, un encontro aberto a todos os públicos para loitar contra os prexuízos e unha oportunidade de aprender, compartir experiencias e fortalecer o compromiso coa diversidade e o respecto a todas as persoas.

Como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a nosa misión é asegurar que todos os veciños e veciñas se sintan seguros e valorados, independentemente da súa identidade. Por iso este tipo de actividades son esenciais para avanzar cara a unha comunidade onde a diversidade sexa celebrada e a discriminación non teñe nunca cabida”.

Con esta charla, que se celebrará ás 20.30 horas no xardín traseiro da Casa Consistorial, o Concello reafirma o seu compromiso con políticas inclusivas, xerando espazos de reflexión e aprendizaxe e tecendo redes de apoio e solidariedade.