OS CONCELLOS DO BAIXO MIÑO RECLAMAN COLABORACIÓN DA XUNTA NA XESTIÓNS DAS PRAIAS

Na ultima xuntanza por videoconferencia dos alcaldes e alcaldesas da Mancomunidade do Baixo Miño, celebrada o pasado luns día 25 de maio, o tema da apertura das praias foi un dos que ocupou boa parte das intervencións.

Coa entrada na fase 2 da desescalada autorízase a apertura das praias e zonas de baño a vez que se establecen unha serie de recomendacións para o seu uso en condicións de seguridade. No caso do Baixo Miño atópanse praias e zonas de baño de moi diferentes características e todas teñen en común a dificultade na súa xestión. Hai praias marítimas, como a Area Grande,  fluviais, como as do esteiro do Miño, a de Eiras ou Goián, e tamén hai zonas de baño como as Aceñas ou a Pesqueira no concello do Rosal.

As diferentes características destas praias e zonas de baño fan que os elementos de risco nelas sexan moi diferentes. Dado que estes varían segundo a extensión da praia, a salubridade das súas augas e incluso o caudal que as zonas de baño teñen en cada caso.

Os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño apelan, en calquera caso, a responsabilidade da cidadanía dadas as dificultades para levar a cabo calquera forma de xestión das recomendadas polas distintas administracións. Para todas se necesita, ademais dun importante investimento económico en sinalización, a dotación de persoal suficiente para levar o control das persoas. Neste sentido os concellos decláranse desasistidos pola Xunta de Galicia, dado que o solo feito de sinalizar as praias para dar as recomendacións á poboación resulta moi gravoso e, de momento, non recibiron para este fin, nin para outros relacionados co estado de alarma e de crise sanitaria ningunha partida económica adicional por parte da Xunta.

Tamén resulta chamativo que a estas alturas non se fixo, por parte da Xunta de Galicia, a previsión para a contratación de socorristas para as praias sabendo que serían necesarios unha vez que se permitira o baño, sobre todo, contando co remate da actividade escolar antes de tempo debido as condicións excepcionais deste curso. Por contra, ademais de non ter resolta a subvención que permite a contratación de socorristas, non permiten que os concellos os contraten con cargo a esta subvención. Despois de feitas as consultas, por parte do concello da Guarda, a Xunta informa que no caso de contratar persoal antes de chegar a resolución da subvención pérdese a mesma.

En contraposición por parte dos concellos si se ten traballado para ter habilitados os espazos das praias e zonas de baño.

Os concellos do Baixo Miño solicitan da Xunta de Galicia colaboración na xestión  e nos gastos derivados da crise sanitaria por causa do COVID-19 e pídenlle responsabilidade e dilixencia para resolver cuestións das que os concellos se están facendo cargo sen axuda, dada a urxencia da situación.