24 Nov 2020 OS CONCELLOS DO GRUPO DE DESENVOLVEMENTO EU RURAL SÚMANSE Á LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Os 13 municipios publicarán este 25N nas súas redes sociais o vídeo documental ‘Deixar o pasado atrás’, que recolle os testemuños de superación das participantes nun obradoiro celebrado en Tomiño o pasado ano
Deixar o pasado atrás para comezar a ser a persoa que se quere ser. Iso foi o que supuxo para as participantes desta primeira edición do obradoiro de Eu Rural aqueles días nos que compartiron alegrías, bagoas, historias…. Agora os testemuños destas mulleres aparecen recollidos nun vídeo documental que se estreará este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, de forma simultánea nas redes sociais de todos os concellos que integran o territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural.
Con esta acción, A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Tomiño e Tui queren sumarse de forma activa á loita contra todo tipo de violencia. O traballo conxunto que os concellos desenvolven en outros eidos como o desenvolvemento económico ou o turismo trasládase así tamén á loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.
A maiores das iniciativas que cada municipio ten previstas para conmemorar o 25N, comprometéronse con esta acción conxunta conscientes de que unidos a loita será máis visible e que dende as institucións debe liderarse o traballo pola igualdade en todos os eidos e contra calquera tipo de agresión física, verbal ou psicolóxica.
O documental, de seis minutos de duración, resume o acontecido na primeira edición do curso de autoestima e empoderamento feminino organizado por Eu Rural o ano pasado en Tomiño, no que xorden diferentes historias de superación entre as participantes, todas cun denominador común: deixar o pasado atrás e mirar cara o futuro con forza.