OS ESCRITORES NOVELES ANDREA SUÁREZ E CÉSAR FERNÁNDEZ PRESENTAN NO ROSAL A HARMONÍA DA DIFERENCIA

A biblioteca municipal acolle a presentación do seu primeiro libro conxunto, ‘EMOVERE’. Será o venres 4 ás 19.00 h co acompañamento da Agrupación Musical do Rosal

O outono dá paso á poesía no Rosal. Este venres 4 de novembro, a axenda cultural trae á biblioteca municipal a presentación do libro ‘EMOVERE’, un poemario obra de Andrea Suárez e César Fernández no que o público poderá mergullarse a partir das 19.00 horas nunha actividade que contará coa colaboración e o acompañamento da Agrupación Musical do Rosal.

Unha amizade entrañable e a afección conxunta á poesía é o berce do primeiro fillo literario destes dous autores noveles, unha obra singular que reflicte a harmonía entre dous sentires diferentes, entre dous estilos distintos e entre dúas linguas dispares. O propio título da obra, raíz latina de emoción, representa a intención do e da poeta á hora de crear a súa obra: mover, remover e conmover ás lectoras e lectores.

O intimismo abrolla con delicadeza nestes versos no medio da aspereza e automatismos cotiás. E faino con aspectos cruciais como o amor e os seus antónimos, a estéril fuxida do silencio, a dor dinámica e existencial, a procura do equilibrio e a paz, a inocencia dos e das meniñas e a devoción á natureza, fonte inesgotable de enerxía e inspiración.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a achegarse á biblioteca e “a descubrir a obra de dous escritores novos que se lanzan ao mundo da poesía cun libro tan intimista e cheo de sentimento.