OS MUÍÑOS DO FOLÓN, PROTAGONISTAS DA TVG

Os 67 Muíños do Folón e do Picón no Concello do Rosal serán, de novo, protagonistas dunha reportaxe na Televisión de Galicia.
O programa “Galicia Viva”, que se emite todos os días ás 19:00 horas, gravou este mércores 10 de xaneiro nas proximidades da nova Área de Recepción de Martín e nos primeiros muíños do Folón.
O xornalista e presentador Emilio Guillín entrevistou para esta ocasión a Juan Ramón M. Barbosa, coautor con Xóan M. Tamuxe do libro “Os Muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal” e a Nemesio Castro, coñecido muiñeiro da vila, quen foron respostando as preguntas da canle autonómica.
Os temas que se trataron foron, por exemplo, a ampliación da delimitación dos Muíños como BIC (Ben de Interese Cultural), a súa cronoloxía ou o seu funcionamento, así como o número de visitantes que se achegan ata O Rosal para coñecer este enclave único no mundo.
Queda pendente a comunicación por parte da TVG do día exacto da emisión deste programa.