30 Dec 2022 OS REIS MAGOS VISITARÁN TODOS OS BARRIOS DO ROSAL A MAÑÁ DO 5 DE XANEIRO
Realizarán unha ruta a través de 4 itinerarios para que todos as e os máis pequenos poidan coñecelos
Os Reis Magos volverán a percorrer todos os barrios do Rosal un ano máis. Será a partir das 11:00 horas da mañá do xoves 5 de xaneiro cando unha comitiva cos tres Reis comezará unha visita con case 60 paradas en distintos puntos do concello.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, explica que o Concello “volveu invitar aos Reis Magos a facer este percorrido que permite que os nenos e nenas desfruten”. A rexedora lembra que os Reis farán paradas de 10 minutos en cada punto, polo que “haberá tempo dabondo para coñecelos e mesmo para recibir, se cadra, algún agasallo”.
Para axilizar o percorrido o Concello organizou un total de catro itinerarios que parasarán por diferentes puntos de Marzán, A Cachada, A Fecha, Pacenteo, A Cumieira, A Telleira, Lagos, A Mata, Sandián, Pías, Tamuxe, O Morán, San Miguel, Tabagón, As Eiras, Fornelos, O Picón, Viso dos Eidos, Martín, Caselas, A Lomba, Couselo, Novás, A Rotea, Parada, Miranxe, San Xián, Portecelo, Urgal, Valdemiñotos, Couso e O Calvario.
En caso de choiva, a comitiva dos Reis modificará a súa traxectoria para poder realizar as paradas en espazos cubertos:
Ruta 1
11:00h Escola de Marzán
11:45h Casa Oficios da Mata
12:30 Escola de Couso
Ruta 2
11:00h Escola de San Miguel
11:45h Escola de Tabagón
12:30 Escola das Eiras
Ruta 3
11:00h Escola de Fornelos
11:45h Tenda de Martín
12:00h Escola de Pías
Ruta 4
11:00h Escola de Novás
11:45h Palco de San Xián
12:00h Explanada do Horizonte
Pola tarde, a maxia e a ilusión continuarán a partir dás 17:00 con Sue Moreno e o seu espectáculo ‘4.0’ na praza do Calvario, ou en caso de choiva a actuación trasladarase ao pavillón. Nesta actuación mestúranse técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, cunha estrutura de 6 metros de altura e tomando o humor como partitura. A historia preséntanos a unha muller no seu día a día, tentando conciliar traballo, vida e maternidade e amosando as mil facianas desta etapa desde un punto de vista divertido, tenro e, por momentos, absurdo.
Ao remate da actuación os reis saudarán ao público asistente e recibirán peticións de última hora. Non faltará o chocolate quente para todas as persoas que o desexen.