PARABÉNS ÁS RAPAZAS DA ESCOLA ATTITUDE POLOS SEUS LOGROS NO CONCURSO NACIONAL DE DANZA

O Concello do Rosal traslada os seus parabéns a todas as integrantes da Escola de Danza Attitude e a todas aquelas nenas que a pasada fin de semana acadaban importantes logros na primeira fase do Concurso Nacional de Danza celebrado en Ourense.

No encontro, as integrantes da escola acadaron un primeiro e segundo premio en coreografías grupais integradas por cativas do Rosal e da Guarda. Ademais, as rosaleiras Araceli Rodríguez e Leire Peniza conseguían un segundo premio polas súas coreografías solistas. A guardesa Irene Cadilla, facíase co primeiro premio tamén pola súa actuación. As primeiras clasificadas en participarán o vindeiro mes de maio na segunda fase deste concurso nacional, que se celebrará en Tarragona.

“Dende o Concello queremos felicitar a todas as alumnas e á profesora e directora da escola de danza, a rosaleira Alba Rodríguez, polos bos resultados obtidos durante esta fin de semana e por ese pase para unha segunda fase do certame nacional que nos faga seguir soñando coas súas coreografías. Sen dúbida levarán o nome do Rosal moi lonxe”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.