‘Polo Correo do Vento’ chega ao Rosal cun espectáculo de ilustración e narrativa para axitar conciencias

‘POLO CORREO DO VENTO’ CHEGA AO ROSAL CUN ESPECTÁCULO DE ILUSTRACIÓN E NARRATIVA PARA AXITAR CONCIENCIAS

Dirixido a público familiar, terá lugar o domingo 7 de maio ás 19.00 h de balde no auditorio municipal. A actuación forma parte do programa ‘O pasado por vir’ da Deputación de Pontevedra

O Rosal recupera a súa memoria histórica cunha actividade lúdica, divertida e para toda a familia. O vindeiro domingo 7 de maio chega ao auditorio municipal ‘Misión biolóxica de Pontevedra’, un espectáculo de ilustración e narrativa oral co que Polo Correo do Vento animará ao público familiar a achegarse á historia ao tempo que promove a creatividade e a narración oral en galego.

A través dunha actividade divertida, amena e lúdica, nenos, nenas e maiores coñecerán as Misións Pedagóxicas, un proxecto cultural realizado na Segunda República que tiña por obxectivo achegar as a cultura ás pequenas vilas con representacións teatrais, sesións cinematográficas, festivais de monicreques ou coa doazón de libros  para a creación de bibliotecas, unha iniciativa que en Galicia tivo grande importancia. Con este espectáculo, Polo Correo do Vento busca traballar a memoria da súa pegada cunha acción teatral na que mesturará oralidade, música e ilustracións.

Da man do relator, o público coñecerá como Rafael Dieste e Maruja Mallo chegan ao lugar para montar un conxunto de actividades ao tempo que outros protagonistas realizan un mural e tocan música. Todo funciona ben, a xente aprende, pero comeza o levantamento militar e Rafael Dieste e Maruja Mallo teñen que marchar ao exilio coma refuxiados, poñendo en valor todo o que se perdeu naqueles anos de guerra. Tras a obra comezará un obradoiro de debuxo no que o público infantil poderá realizar de forma guiada unha caricatura de Dieste e Mallo, cadaquén ao seu estilo.

Este divertido espectáculo forma parte da iniciativa ‘O pasado por vir’ da Deputación de Pontevedra, coa que se busca “recuperar non só a memoria dunha xeración oprimida, senón tamén salientar todo o que loitaron para tentar construír o país e a sociedade que querían”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O espectáculo será ás 19.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.