PRAXÍTELES GONZÁLEZ, ARTE A ESCALA

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou ao artista de 84 anos, autor de maquetas en miniatura como a Catedral de Santiago, Notre Damme ou o Capitolio de Estados Unidos. O Concello traballa para acoller unha exposición coa que amosar ao público algunhas das súas obras

Todo comezou como un pasatempo para estar entretido ao chegarlle a xubilación. O que non sabía Praxíteles González era que esa afección ía converterse nunha espectacular colección de monumentos en miniatura na que figuran pezas únicas cheas de detalle e con moitas horas de traballo detrás. “É un orgullo ter no Rosal a artistas como Praxíteles, coa paciencia e a capacidade creativa para recrear a escala edificios tan singulares como son a Catedral de Santiago de Compostela ou Notre Damme, pero tamén estruturas tan nosas como a ponte do Tamuxe, a igrexa do Rosal, o muíño do Carreiro ou a casa indiana que acolle o Centro Cultural da Guarda”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A rexedora visitou estes días a Praxíteles no seu taller para ver algunha destas pezas, moitas delas de grandes dimensións. Dende o Concello xa se traballa para poder realizar unha exposición con algunhas das súas miniaturas máis destacadas e renderlle homenaxe a este rosaleiro de corazón que leva case 25 anos dedicado ao mundo das maquetas.

Aos seus 84 anos Praxíteles continúa mergullado coma nunca nas súas obras. Comezou facendo pezas con ferros vellos, barro e material de refugallo ata que case por casualidade deu o salto ás miniaturas. Todo por facerlle unha casa de bonecas para que xogara a súa neta: a inspiración levouno a recrear a casa da súa propia filla a escala.

Lembra que detrás de cada peza hai moitas horas de duro traballo e moita paciencia. Coa Catedral de Santiago estivo máis de 8 meses e coa de Florencia máis de 1.500 horas, aínda que a peza que máis lle roubou o sono foi a súa última creación: unha impresionante miniatura do Capitolio dos Estados Unidos, á que leva dedicado máis de 13 meses, moitos de dez horas de traballo diarias. Máis de 7.000 pezas de madeira, máis de 600 fiestras e 150 quilos de maqueta que non deixan indiferente a ninguén. “Para min son proxectos moi importantes para ter sempre unha ilusión e coller con gañas cada novo día que entra”, asegura.

Pero non todo é miniatura para Praxíteles. Ás súas costas ten tamén cinco libros: ‘Embaixadores dos infernos’, que aborda a vida dos cabaqueiros, profesión á que se dedicou; ‘Ribeiras do Baixo Miño’, sobre os usos e costumes do Rosal; ‘Topónimos, a Terra das nosas raíces’, que recolle máis de 900 topónimos do Rosal e da Guarda xunto cun mapa de toponimia; ‘Eu tamén fun contrabandista do Estiro do Miño’, sobre os tempos do estraperlo e o pisco na comarca; e ‘Eu tamén estiven na República Federal Alemá’, a súa derradeira obra, que trata sobre a emigración entre os anos 1960 e 1980.