RECALA NO ROSAL A CAMPAÑA DE INFORMACIÓN E SENSIBILIZACIÓN ‘AGRESIÓN OFF’

Un stand da campaña estará este martes 15 de decembro de 16 a 20 h na Praza do Calvario con talleres e actividades lúdicas para todas as idades. O obxectivo é derrubar estereotipos de xénero e comportamentos que poidan conducir á violencia

O Rosal acolle o vindeiro martes 15 de decembro ‘Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual’,unha campaña posta en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade coa que derrubar estereotipos de xénero e comportamentos que poidan conducir á violencia a través de talleres e actividades lúdicas para todas as idades. O stand da campaña estará situado na Praza do Calvario de 16.00 a 20.00 horas e todas as actividades contarán coas medidas necesarias de prevención contra a COVID-19.

A través de obradoiros divididos en áreas de traballo con contidos concretos para sensibilizar contra a violencia sexual, as persoas participantes abordarán diferentes temáticas como o desmantelamento de estereotipos de xénero para combater o sexismo dende a infancia, os mitos sobre o amor, as alertas de micromachismos, a parella e a igualdade, a autoestima e valoración persoal, a violencia e as novas tecnoloxías, a educación en igualdade ou a importancia de estar informados.

Deste xeito en ‘Canto de estereotipada está a túa mente?’ reflexionarase sobre mensaxes que poden inducir moitas veces de xeito inconsciente a pensamentos esterotipados; co xogo interactivo ‘A ruleta do amor romántico’ falarase de mitos; visualizando fragmentos de contos, fábulas, refráns e ditos populares en ‘Non me contes contos’ reflexionarase sobre a información que se recibe e se transmite e co termómetro de ‘Onde está o límite?’ exporanse actitudes e comportamentos dentro da parella para debater sobre a delgada liña que separa unha relación aparentemente sa dunha relación tóxica.

Xogando cos espellos chega ‘Eu non necesito #filtros’ para reflexionar sobre a imaxe que queremos transmitir nas redes sociais; en ‘Estas segur@ de premer o botón de enviar?’ os e as participantes coñecendo os riscos e consecuencias do sexting deberán decidir se enviar contido relacionado con esta práctica; co móbil xogarase a ‘Kahood da Igualdade’, un xogo no que responder diferentes preguntas sobre violencia de xénero; e con códigos QR poderase acceder a información relacionada co programa.

Ademais destas actividades para persoas adultas tamén haberá obradoiros para os máis cativos: ‘O tótem do sexismo’ e ‘Verdade ou mito’. Todas as accións completaranse con dúas actividades para todos os públicos, unha coa que animar a todas as persoas participantes a sumar ideas ao decálogo contra a violencia sexual e outra coa que xogar a adiviñar quen está detrás de cada frase, se un home ou unha muller razoando o porqué.