
10 Abr 2025 Rematadas as obras de mellora do Camiño da Estrada da Pousa, eixo clave da mobilidade municipal
O Concello acometeu unha reforma integral deste vieiro estratéxico que conecta as estradas PO-353 e Po-354
Cun investimento de 51.000€ renováronse tamén servizos necesarios pero invisibles como as tubaxes da traída municipal e renovouse a contorna da Praza da Mareca
A nova cara do Camiño da Estrada da Pousa xa é unha realidade. A transformación desta vía clave para a mobilidade do Rosal é o resultado da planificación estratéxica do Concello para a renovación de estradas e camiños, apostando pola seguridade, o benestar e a calidade de vida da veciñanza.
Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, esta actuación “forma parte dunha folla de ruta clara do Goberno municipal que aposta por camiños seguros, cómodos e ben conectados. Trátase dunha obra moi necesaria que responde á demanda veciñal e que se enmarca nunha estratexia de mellora continua das infraestruturas municipais”. A rexedora destacou ademais que “non queriamos quedarnos nun simple asfaltado. Sabemos que as melloras que non se ven, como as canalizacións ou as renovacións de servizos básicos, son as que realmente garanten a durabilidade e a calidade das obras”.
Este camiño, que vertebra o municipio ao conectar dúas estradas autonómicas principais, a PO-353 e a PO-354, presentaba un alto nivel de deterioro debido ao paso do tempo e ao uso constante. Conscientes da súa importancia estratéxica, desde o Goberno municipal acometeuse unha intervención integral que incluíu non só a pavimentación e corrección de irregularidades no firme, senón tamén actuacións complementarias como o recrecido de pozos e rexas, o corte do pavimento, a limpeza e roce de marxes e, sobre todo, melloras invisibles pero fundamentais como a substitución das tubaxes da traída municipal e a canalización das augas pluviais.
Estes traballos complementáronse coas obras de mellora da contorna da Praza da Mareca, un espazo de encontro e lecer moi utilizado pola veciñanza, que agora gaña en accesibilidade, confort e integración coas novas infraestruturas da zona.
A intervención, que supuxo un investimento de máis de 51.000 euros, foi financiada con fondos propios do Concello e con fondos do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Pola súa banda, o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, sinalou que “esta intervención é un exemplo do tipo de obra que queremos impulsar: funcional, planificada e pensada para o futuro. Apostamos pola calidade e pola mellora global, porque cada camiño no Rosal é unha peza máis do noso mapa de cohesión territorial”. Con este tipo de actuacións, o Concello do Rosal continúa a súa aposta por unha rede viaria municipal moderna, segura e adaptada ás necesidades reais da súa veciñanza.