Saúdo da alcaldesa

En primeiro lugar, quero agradecer a confianza depositada pola veciñanza en min e no equipo de goberno que lidero. Asumo a responsabilidade de ser alcaldesa do Rosal con moita ilusión e moitas ganas de traballar por e para toda a veciñanza.

Para min, por riba de todo, en todos os ámbitos da vida, tamén na política, son fundamentais o respecto, o diálogo, o consenso, a tolerancia, o saber ser, o saber estar e o saber escoitar. En consecuencia, quero transmitirvos que estes atributos estarán sempre implícitos na práctica diaria do goberno local que lidero.

A vida son momentos e a maioría da veciñanza do noso pobo decidiu que era o momento de darnos a oportunidade de abrir un tempo novo que construiremos pouco a pouco entre todas e todos. Un futuro do que nos sintamos partícipes e orgullosos. Contamos con todas e todos vós, con todos os Rosaleiros e Rosaleiras.

Dende a humildade e o respecto, sinto que conto co mellor equipo de goberno que podía imaxinar para facelo. Persoas capacitadas para afrontar as diferentes áreas competenciais do Concello. Un equipo unido, ilusionado e preparado para perseguir e conseguir un futuro mellor para o noso pobo.

Ademais, son consciente de que temos a sorte de contar cun gran equipo de traballadores e traballadoras que realiza o seu labor con profesionalidade e rigurosidade.

Estou segura de que xuntos formaremos un moi bo equipo de traballo.

Sen máis, póñome á vosa enteira disposición.

Saúdavos atentamente, Ánxela Fernández Callís,

A vosa alcaldesa.