02 Set 2025 Tabagón celebra os seus 200 anos de historia coa recuperación do seu tradicional arco e a festa da Saúde e San Brais
O Rosal homenaxea o patrimonio cultural da parroquia coa exposición de fotos antigas coa que poderá participar toda a veciñanza
O Concello designará o luns 2 de febreiro de 2026 como festivo local
O Rosal prepárase para conmemorar os 200 anos de historia de San Xoán de Tabagón. A parroquia celebra o seu bicentenario cun ano cheo de identidade e orgullo comunitario no que destacará a recuperación da tradicional subida do arco floral nas festas da Virxe da Saúde e San Brais, unha actividade que levaba anos sen realizarse e que simboliza a unión e a forza da parroquia rosaleira.
O arco, que este ano incorporará no seu círculo central o debuxo da igrexa como emblema da parroquia, converterase nun dos grandes protagonistas desta celebración. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “este bicentenario é un motivo de orgullo para todo o concello. Tabagón recupera o seu arco floral grazas ao impulso dunha comisión de festas renovada e comprometida co patrimonio cultural, e faino con máis forza que nunca”. A rexedora engadiu que “estamos ante un momento histórico, porque poñemos en valor o noso pasado e transmitímolo ás novas xeracións, asegurando que estas tradicións seguen vivas e medrando”.
Para apoiar este novo camiño, o Concello celebrará o venres 12 de setembro un pleno extraordinario no que se aprobarán os festivos locais do vindeiro ano, no que se aprobará a designación do luns 2 de febreiro de 2026, día da Saúde e San Brais, como festivo local.
Exposición “Memorias das festas de Tabagón”
Como parte das conmemoracións, O Rosal impulsa tamén a iniciativa “Memorias das festas de Tabagón”, unha exposición colaborativa de fotografías antigas que recollerá escenas da tradicional festa de Tabagón. Unha actividade de homenaxe a unha das festas con máis historia do Rosal e a todas as persoas que a construíron e formaron parte dela.
O Concello abre a convocatoria a toda a veciñanza e persoas amantes da fotografía, profesionais ou afeccionadas, que poidan achegar imaxes antigas en cor ou branco e negro vencelladas á parroquia de San Xoán de Tabagón e ás súas festas: o tradicional arco floral, a procesión, a verbena, as ceas veciñais ou calquera outro momento ligado á celebración.
As persoas interesadas poderán presentar as fotografías ata o 9 de xaneiro de 2026 en papel no Concello do Rosal, onde se escanearán para a súa posterior impresión, ou enviándoas por correo electrónico a xuventude@orosal.gal.
As fotografías deberán identificarse de forma individual e estar acompañadas de data aproximada da imaxe e título ou descrición da mesma. As imaxes recibidas pasarán a formar parte da exposición que se poderá visitar na Casa Social de San Xoán de Tabagón entre o 24 de xaneiro e o 8 de febreiro de 2026.
Con esta programación especial, San Xoán de Tabagón e todo O Rosal celebran non só un aniversario de gran calado, senón tamén a forza dunha veciñanza que sabe mirar cara ao futuro sen esquecer as súas raíces.