17 Ago 2018 TARDE DE XOGOS DE MESA AO AIRE LIBRE
Tarde de Xogos de Mesa ao aire libre o vindeiro 25 de agosto ás 16.00h na Praza do Calvario en O Rosal
Durante a xornada imos levar xogos de mesa que non se encadran dentro dos tradicionais pero algúns deles xa teñen bastante tempo e son moi populares. En series como The Big Bang Theory saíron os protagonistas xogando a algúns deles.Os xogos máis coñecidos dos que imos levar son:
- Os Colonos de Catán: é un xogo de 3 a 4 xogadores no que teremos que tentar gañar construíndo os nosos poboados e cidades antes que o resto e evitando que nos rouben os ladróns. É un xogo de iniciación sinxelo pero que adoita gustar moito e é o máis coñecido de todo este tipo de xogos.
- Carcassonne: xogo de 2 a 6 persoas no que iremos montando unha especie de quebracabezas coas lousas mentres tentamos conseguir puntos coas nosas fichas colocándoas en castelos, camiños, mosteiros…
- Aventureiros ao tren: xogo de 2 a 5 persoas no que faremos unha especie de volta ao mundo pero a través de Estados Unidos e tentaremos gañar conseguindo puntos ao unir rutas de viaxe entre diferentes cidades.
Tamén levaremos xogos cooperativos como Pandemic ou xogos dun contra todos como o not alone.
Esta vez levaremos tamén un catálogo de xogos infantís moi amplo para que os nenos poidan xogar a xogos apropiados para a súa idade. Entre outros levaremos A danza do ovo, que é un xogo moi divertido no que gaña quen consiga máis ovos pero non se che pode caer ningún mentres os suxeitas en sitios como o pescozo, as pernas…
Ademais, durante a xornada faremos un torneo de Pitch Car, que é unha carreira de fórmula uno pero xogando como ás chapas, golpeando os coches/chapas sen sacar a ninguén de pista e sen saírnos nós ou envorcar. É moi divertido. E o gañador terá premio.