TEATRO: A COMPAÑIA MALASOMBRA PRESENTA “GO ON!” 5 MAIO ÁS 22.00H NO AUDITORIO MUNICIPAL

A compañia de MALASOMBRA presenta “GO ON!” o vindeiro 5 de maio ás 22.00h no Auditorio Municipal do Rosal.

  • Sinopse:

Logo da chegada do home á lúa á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea.
“GO ON!” recopila esta experiencia límite que deixa aos do “Al filo de lo imposible” como simples boyscouts.
“GO ON!” é unha emocionante novela de aventuras na que os seus protagonistas viven situación extremas como o terrible ataque do despiadado can de palleiro ou a entrevista a un porco no corredor da morte.
“GO ON!” é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como cantarlle unha saeta á Santa Compaña.
“GO ON! é un manual de supervivencia imprescindible para saber como sobrevivir tres días nunha vila en festas ou como viaxar nun tren galego a velocidade negativa cheo de galegos cantando cancións populares.
“GO ON! é unha guía de primeiros auxilios con recomendación necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cú con ortigas.
“GO ON!” é a conferencia que percorre o mundo dende Burgos a Arkansas desvelando os misterios máis íntimos de Galicia e os seus habitantes, como cal é a orixe da frase “non me toques os suevos”, cada canto tempo cambian as sábanas os da Santa Compaña, ou cal é a resposta definitiva para a pregunta: “Que din os rumorosos?”
“GO ON!” . Unha odisea cómica no espacio galego.

AUTORES: José Luis Prieto
DIRECTOR: Marcos Orsi
ACTORES: Xoque Carbajal e Jouse García