TESOUROS DOUTROS TEMPOS CON ‘OLIVIA E O CLARINETE MÁXICO’ NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

Contacontos para público infantil este venres 1 de abril ás 17.00 h co libro do escritor guardés Francisco Álvarez

A programación do mes do libro arranca no Rosal cunha actividade para achegar ao máis cativos e cativas da casa ao mundo da literatura. Este venres 1 de abril a biblioteca municipal acolle o contacontos ‘Olivia e o clarinete máxico’,  unha obra do escritor guardés Francisco Álvarez, Koki. A actividade, de balde e con entrada libre, comezará ás 17.00 horas e contará coa colaboración da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal.

Será unha tarde acompañando a Olivia na súa procura de tesouros doutros tempos no faiado da casa dos seus avós, un recuncho case máxico no que atopa o clarinete do seu bisavó Pepe. Un instrumento moi especial que tocaba cando ela estaba aínda no ventre da súa nai e que cambiará a vida da pequena para sempre. Unha fantástica historia sobre o valor das tradicións familiares e o amor pola música que namorará a nenos e nenas.

Francisco Álvarez, Koki, é escritor e animador cultural residente en Nova York dende 1984, onde fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro para espallar a cultura galega. Escritor tanto en galego como en castelán, ten unha longa traxectoria como autor con libros de poesía, narrativa, infanto-xuvenil ou obras colectivas e numerosos premios ás súas costas.