TODO PREPARADO NO ROSAL PARA O CONCERTO MÁIS ESPECIAL DO ANO

A Agrupación Musical do Rosal celebra o seu tradicional concerto de Santa Icía este sábado 7 ás 19:30 horas no Auditorio Municipal

Contará coa participación como frauta solista de Ana Mª Fernández, gañadora do V Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’

E presentarán a 10 novos membros da banda

O Rosal conta os días para gozar dunha das actuacións máis agardadas do ano. A Agrupación Musical do Rosal celebra por fin o seu concerto de Santa Icía, actividade coa que conmemoran o día da patroa da música e compartan o seu bo facer co público rosalero. Unha tradicional cita que estaba prevista para o 19 de novembro, mais, por motivos persoais tivo que ser adiada e, finalmente, terá lugar o vindeiro sábado 7 de xaneiro.

O auditorio municipal acollerá esta actuación que dará comezo ás 19.30 horas. Baixo a batuta de Javier Alonso, o concerto achegará ao público asistente ás obras de Maslanka, Ticheli e Bernstein e será a ocasión perfecta para presentar ás 10 caras coas que se reforza este ano a banda. Ademais, salienta a participación como frauta solista de Ana María Fernández, a gañadora da quinta edición do Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar deste concerto único co que a Agrupación Musical do Rosal chegará ao corazón do seu público. A rexedora lembra que a actividade é de balde e con entrada libre ata completar o aforo da sala.