Transformación radical da estrada Tabagón-As Eiras-Goián ao seu paso polo Rosal tras o remate da primeira fase das obras

TRANSFORMACIÓN RADICAL DA ESTRADA TABAGÓN-AS EIRAS-GOIÁN AO SEU PASO POLO ROSAL TRAS O REMATE DA PRIMEIRA FASE DAS OBRAS

A actuación reducirá as emisións case nun 10% e conseguiu un importante financiamento do IDAE co que Deputación e Concello aforraron preto de 500.000 euros

Xa está rematada a primeira fase das obras que transforman por completo, desde un punto de vista sostible, a mobilidade entre Tabagón, As Eiras e Goián no transcurso da EP-3303 polo concello do Rosal. A actuación foi visitada este mércores pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís. As obras nesta fase actuaron nun treito de 1,7 quilómetros da vía, dun total de 4,5, cun investimento superior aos 650.000 euros dos que a Deputación achegou o 80% e o concello o 20%, e que conseguiu un importante financiamento de 472.623 € (o 73% do custe total) procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do financiamento foi asumido pola Deputación e o Concello co reparto porcentual orixinal.

Esta importante obra, que foi acometida baixo a filosofía da recuperación de espazos públicos para as persoas e a redución de Co2, traduciuse na reconversión integral da estrada para contribuír a fomentar a vida no rural ao mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito seguro. Isto conseguiuse propiciando alternativas ao vehículo privado, como a mobilidade peonil e a bicicleta –que se viñan realizando sen condicións plenas de seguridade– e que agora contan cun carril propio. Ademais da veciñanza da zona que emprega esta vía para conectar con Tomiño, cumpría ter en conta tamén a elevada presenza de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués da Costa.

Ademais deste novo carril peonil e ciclista, completouse a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionáronse dous carrís de 2,80 metros para a circulación de vehículos, instaláronse redutores de velocidade, renovouse a rede de drenaxe e canalizouse de xeito soterrado a rede de alumeado público para a súa futura renovación. Na zona do CRA María Zambrano, ademais, dispúxose de plataforma única con prioridade peonil e limitación de velocidade a 20 quilómetros/hora. Os obxectivos destas actuacións son a redución de emisións de carbono, o fomento do transporte público, ciclista e peonil, o fomento de hábitos saudables, a minoración da velocidade, a redución de ruídos e a potenciación do turismo saudable. Os resultados son un descenso do 9,2% no uso de enerxía e do 9,6% en canto ás emisións.