19 Mar 2024 Turismo e natureza camiñarán da man esta Semana Santa no Rosal
O Concello organiza visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón os días 29 e 30 de marzo. É necesaria inscrición previa
A Oficina de Turismo situada no muíño número 1 do Folón atenderá ao público do 25 ao 31 de marzo
O Rosal quenta motores para desfrutar dunha Semana Santa na que turismo e natureza camiñarán da man. Un ano máis, para desfrutar destes días de lecer o Concello porá en marcha visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón e abrirá as portas da Oficina de Información Turística situada tamén nos propios muíños para todas aquelas persoas que queiran afondar no que ver ou do que gozar durante estes días no municipio ou na contorna.
Ao longo da vindeira semana organizaranse dúas visitas guiadas coas que percorrer os muíños do Folón e do Picón, unha ruta a través da que todas as persoas participantes “desfrutarán da paisaxe natural e do patrimonio do Rosal, que conviven en perfecto equilibrio, acompañadas ademais por unha guía experta coa que poderán coñecer historias e curiosidades deste recuncho de gran valor para o noso concello”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As saídas serán o venres 29 e o sábado 30 de abril ás 17.00 horas dende a área de recepción dos muíños do Folón, a carón da zona de aparcadoiro. A ruta terá unha dificultade media ao contar cun tramo de ascenso con escalóns non apto para todos os públicos e recoméndase acudir con calzado cómodo e apropiado. As persoas interesadas deberán inscribirse a partir deste mércores 20 de marzo chamando ao teléfono 618 02 99 16 ou no correo electrónico visitasguiadas@orosal.gal indicando nome e apelidos das persoas participantes, DNI de todas as persoas asistentes e teléfono de contacto.
O concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez Crespo, anima a toda a veciñanza a participar nestas visitas guiadas, “unha oportunidade única para mergullarse na historia e tradición rosaleiras. Será, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora que permitirá a todas as persoas participantes conectar coa nosa contorna dun xeito diferente, coñecer a importancia dos muíños para O ROsal e desfrutar dunha paisaxe realmente espectacular”.
Para completar a actividade turística do Rosal durante Semana Santa, o Concello abrirá tamén as portas da Oficina de Turismo situada no muíño número 1 do Folón. Permanecerá aberta ao público os días 25, 26, 27 e 28 de marzo de 16.00 a 19.00 horas; os días 29 e 30 de 16.00 a 17.00 horas, ata o momento de comezo das visitas guiadas; e o domingo 31 de marzo de 11.00 a 14.00 horas.