O Rosal é terra de albariño. Xa o tiveron claro os monxes do Mosteiro de Oia, fundado no século XII, quen explotaron varias granxas e priorados neste municipio baixomiñoto. Estes espazos de produción monacal dedicábanse a diversas actividades agrogandeiras, entre elas o cultivo da vide para a elaboración de viños.
Actualmente O Rosal é unha subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas, na que se inclúen viños coñecidos e recoñecidos internacionalmente. En terras rosaleiras atopamos adegas de grande antigüidade, con orixes medievais e vinculadas ao Mosteiro de Oia, pero tamén proxectos novos baseados na innovación.
Viños de autor, adegas familiares e grandes empresas con produción industrial que traballan día a día combinando o mellor da tradición coas achegas procedentes das novas tecnoloxías e a I+D.
Ademais de traballar en aspectos vinculados á produción e comercialización, as adegas do Rosal tamén crean experiencias nas que nos desvelan algúns dos segredos da elaboración do viño. Rutas polos viñedos, visitas ás instalacións, catas e eventos son algunhas das súas propostas de enoturismo.
Feira do viño do Rosal
Una boa oportunidade para gozar dos viños da zona e dalgunhas das bondades da súa gastronomía é a Feira do Viño do Rosal, que cada ano se celebra a mediados do mes de xullo. Durante unha fin de semana, a céntrica praza do Calvario énchese de persoas que se achegan a degustar as propostas das adegas locais así como outros produtos gastronómicos.