No Monte Real, unha elevación situada moi preto da igrexa parroquial de San Bartolomeu das Eiras, sitúase a ermida da Madalena, un pequeno templo que nos recibe cunhas impresionantes vistas ao Miño.
Da arquitectura da igrexa destaca especialmente a súa base, construída directamente sobre a rocha. Outros elementos salientables son os contrafortes que sobresaen dos muros, a espadana onde se localiza a campá e uns remates en forma de pináculos.
Tamén neste Alto da Madalena, xusto antes de subir a escalinata que da acceso a esta pequena ermida de planta rectangular, atópase un conxunto formado por 4 sobreiras, das que destaca o seu gran porte e a singular disposición da súas copas. Estímaselles unha idade superior aos 400 anos.
Como singularidades, as sobreiras da Madalena destacan polo grosor dos seus troncos (con perímetros que van desde 1,97 a 4,85 metros) e estímaselles unha antigüidade de arredor de 400 anos. En canto á disposición, as súas pólas enlazan unhas coas outras formando unha gran cúpula vexetal de forma elíptica.
Ademais dos puntos de interese arquitectónico, paisaxístico e natural, o Alto da Madalena tamén alberga un xacemento arqueolóxico. A capeliña atópase na croa dun castro que, como é habitual neste tipo de recintos da Idade de Ferro, aséntase nunha zona de importante control visual do territorio.
Nas festas que a parroquia de Eiras celebra cada mes de xullo na honra de Santa María Madalena, este simbólico e milenario lugar acolle unha fermosa romaría onde nunca falta a música, o pan de millo e as sardiñas.