Situados na parroquia de San Bartolomeu das Eiras, os petróglifos de Ghorghalado son as representacións de arte rupestre prehistórico de maior tamaño coñecidas no Rosal. Ademais de polas súas dimensións, destacan pola grande profusión de gravados, más de 300, e polo tipo de rocha no que se atopan.
As formas xeométricas como liñas, coviñas, espirais e círculos concéntricos son as máis frecuentes nesta estación arqueolóxica, á que se lle estima unha antigüidade de entre 3.000 e 4.500 anos (Idade do Cobre-Idade do Bronce). Enmarcaríanse, polo tanto, dentro do ciclo coñecido como Grupo Galaico de Arte Rupestre.
Os distintos motivos presentes no Ghorghalado aparecen nun afloramento rochoso de xisto que forma parte do complexo Monteferro-O Rosal. O feito de estar gravados neste tipo de rocha e non en granito (que é a máis habitual) é outra característica que reforza a singularidade deste notable conxunto arqueolóxico.