Un percorrido polas festas do Rosal para o calendario do vindeiro 2025

Un percorrido polas festas do Rosal para o calendario do vindeiro 2025

O Concello abre o prazo para enviar fotos coas que se confeccionará o almanaque 2025, que volverá ter un carácter participativo

O Rosal xa ten a ollada posta no calendario anual de 2025, un almanaque que o Concello vén realizando dende hai xa catro anos e que busca a participación activa de toda a veciñanza. Como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, trátase dun calendario “que repartimos de xeito gratuíto ao rematar o ano entre rosaleiros e rosaleiras, unha oportunidade para difundir a identidade do noso municipio dende diferentes puntos de vista, como o patrimonio inmaterial”.

Este ano o eixo condutor deste calendario serán as ‘Festas do Rosal’. As persoas interesadas en colaborar poderán achegar fotografías das diferentes festas que teñen lugar no municipio ao longo do ano, tanto nos barrios como noutros lugares do Rosal e nas que teñen cabida dende romarías a concertos, actividades…

A participación está aberta ao público xeral, que poderá presentar ata un máximo de 10 fotografías en cor, en formato horizontal e cunha calidade orientativa de 300ppp. As imaxes deberán ir acompañadas dunha pequena ficha na que se indique o nome da persoa artífice das fotos, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto, o nome e localización da festa e as datas nas que foron tomadas.

As fotografías deberán ser enviadas en formato dixital a calendario2025@orosal.gal antes do 31 de outubro de 2024.

Entre todas as imaxes recollidas ao longo deste tempo farase unha selección de 13 imaxes que formarán parte do calendario editado polo Concello para o vindeiro ano. O encargado de facer esta selección será un xurado formado por persoal municipal e fotógrafos do municipio, que terá en conta a calidade técnica e artística e que as imaxes recollidas representen a maior variedade posible de festas e localizacións.