Un viñedo, innovador escenario do XXIV Trofeo Montes de Eiras de ciclocross

UN VIÑEDO, INNOVADOR ESCENARIO DO XXIV TROFEO MONTES DE EIRAS DE CICLOCROSS

A carreira reunirá este sábado 12 de novembro a 250 participantes nun circuíto que transcorrerá polo viñedo da adega Terras Gauda

O Trofeo Montes de Eiras de ciclocross celebra a súa 24 edición nun escenario moi especial. Esta fin de semana esta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello celebrarase por primeira vez nos viñedos da adega Terras Gauda, un circuíto único e innovador a nivel autonómico, xa que non existe ningunha outra competición ciclocross en Galicia que se desenvolva nunha paraxe similar.

“Estamos ante unha carreira moi novidosa na que poderemos desfrutar dun circuíto singular que será un elemento distintivo deste trofeo e que permitirá a todo o público coñecer unha parte moi importante do noso municipio. É, sen dúbida, un percorrido espectacular que reflicte perfectamente a identidade do propio Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou con representantes do Concello, do club ciclista, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia e da bodega Terras Gauda.

En total serán 250 deportistas os que participarán este sábado 12 de novembro dende as 13.30 horas en ata 15 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclistas dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver por primeira vez o circuíto completo dende diferentes posicións, dada as características do terreo.

Dende o Concello quérese felicitar ao Club Ciclista O Rosal pola organización deste gran evento nunha contorna espectacular e agradecer á bodega Terras Gauda a súa colaboración e implicación neste trofeo único, así como de deporte Galego da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo, de todas as empresas e entidades colaboradoras e do equipo de voluntarios de Protección Civil.