Unha década soando os Ecos do Verán

Ecos do Folón celebra este sábado 29 o seu concerto coral estival acompañado da Coral A Torre de Maside e Renfe de Monforte de Lemos

Será ás 20.30 h no auditorio municipal con entrada de balde

Unha década soando os Ecos do VeránO Rosal quenta voces para acoller a décima edición do Concerto Coral Ecos do Verán, unha década na que o coro ‘Ecos do Folón’ aproveita a época estival para levar a música coral a todos os públicos. A actuación será este sábado 29 de xuño ás 20.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde, un espectáculo no que o público poderá desfrutar da música da coral rosaleira acompañada pola Coral A Torre de Maside (Ourense) e a Coral Renfe de Monforte de Lemos (Lugo).

A Coral Polifónica ‘Ecos do Folón’ naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 3o voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.

O sábado sorprenderá ao público cun repertorio que incluirá ‘Ciranda da rosa vermelha’ de Alceu Valença con arranxos de Tom-K, ‘El peregrino’ de A. López García, ‘El vals de los quince años’ de Agustín Minotti con arranxos de Roberto Goldar, ‘Casiñas brancas’ do Grupo Lareira con arranxos de Jorge Fernández González e a popular ‘Eu caseime por un ano’, tamén con arranxos do mestre compositor Jorge Fernández.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela.