Unha marea morada de actividades para seguir revolucionando mentes no Rosal

UNHA MOREA MORADA DE ACTIVIDADES PARA SEGUIR REVOLUCIONANDO MENTES NO ROSAL

O Concello puxo en marcha un programa de actividades co que implicar á infancia, á mocidade e a toda a veciñanza na loita contra a violencia contra as mulleres este 25N

O Rosal continúa co seu firme compromiso contra a violencia de xénero. Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello puxo en marcha un amplo programa de actividades que busca implicar a toda a veciñanza, especialmente ás xeracións futuras. Unha morea de actividades de carácter transversal “coas que seguir revolucionando mentes este e todos os días do ano, coas que tentar de espertar conciencias, sensibilizar e visibilizar a lacra que supón a violencia machista dentro da nosa sociedade”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Unha marea morada de actividades para seguir revolucionando mentes no RosalUnha visibilización que comeza polos edificios públicos, que durante toda esta semana están alumeados en cor morada para conmemorar o 25 N. Unha sensibilización que dende o Concello considérase fundamental comezar dende a base, achegando a nenos e nenas a unha realidade dura para que tomen conciencia e poidan mudar o futuro. Por este motivo, os centros educativos rosaleiros implicáronse de forma moi activa na campaña participando en diferentes accións. Ademais de acoller os violentrómetros que figuran por diferentes puntos do Rosal, o alumnado das escolas unitarias do CRA María Zambrano e da escola infantil desfruta aa exposición das Sinais de tráfico contra a violencia de xénero.

Mentres, pola súa banda, o alumnado de 6º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier participou no proxecto audiovisual EnRede, unha campaña financiada pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello do Rosal coa que rapazas e rapazas visibilizan a violencia contra as mulleres, a igualdade e o feminismo dende unha perspectiva diferente.

Xunto a estas actividades, o Concello anima a toda a veciñanza a participar o propio 25 de novembro na concentración veciñal que terá lugar ás 12.30 horas no CPI Manuel Suárez Marquier como mostra de repulsa á violencia contra as mulleres e na que se lerá un manifesto.

Ademais destas actividades, o Concello acollerá durante os vindeiros días a exposición ‘Eu tomo partido contra a violencia de xénero’, que nesta edición contou coa colaboración de integrantes da Asociación de Maiores do Rosal e que poderá visitarse ata o vindeiro 9 de decembro na Casa do Concello e na Praza do Calvario.