25 Xuñ 2024 Unha viaxe de fantasía na procura das raíces coa Aula Municipal de Teatro do Rosal
O alumnado rematará o curso subíndose ao escenario do auditorio municipal este venres 28 ás 21.00 horas
Representarán ‘Vila Marabilla’, un espectáculo froito da creación colectiva
A Aula Municipal de Teatro do Rosal baixa o pano cun espectáculo de altura. O alumnado despedirá esta semana o curso subíndose ao escenario para representar ‘Vila Marabilla’, unha obra teatral que é o resultado final dun intenso curso académico no que as e os participantes traballaron sobre as raíces e a identidade, sobre a creación de personaxes e a construción dun espectáculo en todas as súas dimensións con todos os elementos que o conforman.
Baixo a dirección de A Artística Teatro e Danza, ‘Vila Marabilla’ constrúe un universo no que a expresión, a creación e a reflexión, sempre en clave de humor, son os alicerces fundamentais. O resultado é un espectáculo froito da creación colectiva inspirado en textos de destacados autores como Paula Carballeira, Celso Emilio Ferreiro, Jesús Castro Yáñez, Rosalía de Castro, Lewis Carrol e Edmond Rostand.
Deste xeito, ‘Vila Marabilla’ presentará ao público a viaxe de Alicia nun país de marabillas na procura da identidade, das raíces e do tempo. Unha reflexión sobre a vida no rural a través dun universo de fantasía que ofrecerá ás e aos asistentes unha experiencia única.
A representación será este venres 28 de xuño ás 21.00 horas no auditorio municipal do Rosal con entrada libre ata completar aforo. O Concello convida a toda a veciñanza a asistir a esta representación e compartir co alumnado unha noite de teatro que promete ser inesquecible.