Uns Cafés en Igualdade para reconciliarnos coa nosa historia persoal

Uns Cafés en Igualdade para reconciliarnos coa nosa historia persoal

O primeiro encontro do ano será este xoves 29 ás 17.30 h en Marzán da man de Rosalía Campos, de Adamia Psicoloxía

 

Pensar, parar e compartir tamén é unha forma de transformar a realidade. O Rosal dá comezo a un novo ano dos Cafés en Igualdade, un ciclo xa consolidado que volve percorrer as parroquias do concello para crear espazos de encontro, diálogo e reflexión arredor de cuestións actuais que atravesan o día a día da veciñanza.

A primeira cita será este xoves 29 de xaneiro ás 17.30 horas no Bar O Floro, en Marzán, baixo o título “Reencontro coa túa nena interior. Facer as paxes con nós mesmas”. Trátase dunha proposta para revisar a historia persoal, identificar aprendizaxes e facer as paces con unha mesma, da man de Rosalía Campos, psicóloga de Adamia Psicología, nun formato próximo e participativo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que os Cafés en Igualdade “son moito máis ca charlas; son espazos seguros para escoitarnos, cuestionarnos e crecer como persoas e como comunidade. Achegar estas iniciativas ás parroquias é fundamental para garantir que a igualdade, a reflexión e o benestar emocional cheguen a todo o territorio”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, puxo en valor a traxectoria dun ciclo que “segue revolucionando mentes desde o local, abordando temas que conectan coa realidade cotiá das persoas e xerando pensamento crítico desde a proximidade”. Rodríguez subliñou tamén que “cada encontro é unha oportunidade para compartir experiencias, aprender colectivamente e fortalecer redes de apoio”.

Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2023-2024, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.