O Valinox Novás estréase cun derbi de prestixio no Trofeo Concello do Rosal

O equipo rosaleiro recibe este xoves ao Frigoríficos do Morrazo Cangas, conxunto da Liga ASOBAL, nun amistoso que abrirá a súa pretempada 2025-26

O Pavillón Municipal do Rosal acolle este xoves 21 de agosto ás 20:30 horas a primeira gran cita do Valinox Novás nesta nova campaña. O conxunto rosaleiro estreará a súa pretempada coa disputa do Trofeo Concello do Rosal, un encontro de carácter amigable pero de enorme atractivo, xa que terá como rival ao Frigoríficos do Morrazo Cangas, histórico da máxima categoría do balonmán estatal.

O partido servirá como primeiro test da tempada 2025-26, na que o Novás volverá competir en Primeira Nacional. Para o equipo a cita será unha boa oportunidade para comprobar o estado físico e táctico do grupo tras as primeiras semanas de adestramento.

Dende o Concello do Rosal, o concelleiro de Deportes, Educación e Turismo, José Carlos Martínez, destacou que o duelo permitirá aos seareiros gozar de balonmán de alto nivel sen saír da vila: “É unha ocasión inmellorable para coñecer as novas incorporacións e ver de preto como chega o equipo ao inicio da tempada. O Concello estará ao lado do Novás ao longo de todo o curso e convidamos a todo o mundo a acudir, xa que a entrada será de balde”.

O técnico Guillermo Artime salientou a dobre importancia do encontro: “Enfrontarnos a un equipo de ASOBAL é un reto deportivo que nos axudará a medir o noso nivel, pero tamén supón volver conectar coa nosa afección, que é un dos piares fundamentais do club”.

Na mesma liña expresouse o capitán Iago Flores, que fixo fincapé no valor deste debut: “É un primeiro test que nos axudará a avaliar o camiño percorrido nestas dúas primeiras semanas de traballo e a preparar do mellor xeito posible o que vén por diante”.

O club chama aos afeccionados a encher as bancadas do pavillón e acompañar ao equipo nun encontro que promete un auténtico ambiente deportivo.