Viaxando a través da historia de Galicia con Marisa Castro e ‘A saga das curandeiras’

VIAXANDO A TRAVÉS DA HISTORIA DE GALICIA CON MARISA CASTRO E ‘A SAGA DAS CURANDEIRAS’

A autora presentará o seu libro o sábado 10 ás 12.00 h no Espazo do Mercado e dará paso á sesión vermú con Tonichi&Pacheco na Praza do Calvario

O Rosal prepárase para desfrutar da literatura e da música en directo de balde este sábado 10 de xuño. A recoñecida bióloga e micóloga galega, Marisa Castro, presentará no Espazo do Mercado ás 12.00 horas a súa primeira novela, ‘A saga das curandeiras’, unha biografía ficticia que achega ao público á figura de Rosalía Carcedo, unha curandeira galega coa que facer unha viaxe durante a primeira metade do século XX, dende a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil ata a súa aldea de orixe.

É nesta contorna onde o personaxe de Rosalía, baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras que visitou, continúa aplicando os seus coñecementos naturais a pesar da incomprensión e a incredulidade das persoas que a rodeaban. Unha trama que permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas, e que aproxima ao lector ou lectora ao uso das herbas e setas, tanto con fins curativos como máxicos, no mundo críptico e infravalorado das meigas galegas.

Marisa Castro, membro dunha saga de curandeiros, ata os 25 anos foi labrega como os seus pais. Micóloga, doutora en Ciencias Biolóxicas cun traballo relacionado coas setas, durante máis de 30 anos foi profesora da Universidade de Vigo, onde impartiu botánica e dirixiu case unha ducia de teses de doutoramento. É socia fundadora da empresa MycoGalicia Plantae e divulgadora científica por convicción. É autora de máis dun cento de traballos de investigación e de máis de 25 libros de divulgación relacionados coas setas, as plantas e as árbores.

Tras a presentación do libro de Castro, a actividade trasladarase á Praza do Calvario, onde o público poderá desfrutar da sesión vermú coa música en directo de Tonichi&Pacheco. Ao abeiro do Primavera na Praza, o dúo presenta unha proposta artística na que se mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toques de humor.