VIII CONCERTO CORAL ECOS DO VERÁN

O Rosal acolle unha nova edicición deste encontro de corais o domingo 26 de xuño

O Auditorio Municipal do Rosal acollerá este domingo 26 de xuño ás 20:00h o VIII Concerto Coral Ecos do Verán organizado polo Coro rosaleiro “Ecos do Folón”, que amenizará a velada con este repertorio:

 

1- UNA LÁGRIMA

Francisco Rey Rivero

2- EL BAILE

Popular Asturiana (Arr.: Eduardo M. Torner)

3- BLANCO VELERO

Juan Hernando Sanz / MaCarmen Díaz Lasso (Arr.: Jorge Fernández)

4- YO NO SÉ CÓMO QUERERTE

Alsirio Fdez. Rguez. / Jesús Fdez. Dobarro (Arr.: Jorge Fernández)

5- LAS ESPIGADORAS (“La Rosa del Azafrán”)

Jacinto Guerrero

 

A Coral Polifónica “Ecos do Folón” creouse no 2008, inicialmente como unha simple actividade social, pero ó pouco tempo comezou a camiñar soa, e a finais do ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. A súa presentación oficial fíxose na Igrexa Parroquial do Rosal o día 26 de decembro do 2009. Naceu con tan só 17 compoñentes, pero nunca deixou de medrar, chegando as actuais 30 voces mixtas. Está formado por xente con gran afición polo canto pero sen ningún tipo de coñecemento musical, polo que o seu labor ten un mérito maior.

Inscrito nos círculos culturais da Deputación de Pontevedra, este coro actúa asiduamente en innumerables lugares por toda a provincia. Sobresae a súa participación no “3o Festival de Corais” e no “1o Festival de Habaneiras” organizados pola Deputación de Pontevedra. Cabe destacar tamén, o concerto que desenvolveron con gran calidade en Santovenia de Pisuerga (Valladolid) en 2019.

“Ecos do Folón” organiza dous concertos anuais na vila rosaleira: “Ecos do Nadal” a finais de decembro e o encontro coral que este ano se celebra este domingo, o concerto “Ecos do Verán” .

O seu variado repertorio inclúe temas tradicionais galegos, habaneiras, rancheiras, valses, boleros, zarzuela, cantoral relixioso, panxoliñas, etc… (moitos deles arranxados e adaptados polo seu director).

Dende os seus inicios esta agrupación coral ten na súa batuta o mestre Don Jorge Fernández González, titulado en linguaxe musical, acompañamento e piano.

Na presente edición de “Ecos do Verán” tamén estarán presentes a Coral Polifónica “Ponte das Febres” de Ribadelouro (Tui) e o Coro “Ecos do Castelo de Parada (Nigrán).

A agrupación tudense comezou a súa andaina alá polo ano 2002, contando só con 20 compoñentes, cando na actualidade xa suma arredor duns 35 coralistas.

O repertorio de “Ponte das Febres” abrangue todos os estilos e épocas, dende música renacentista ata as máis modernas composicións e adaptacións; dende música tradicional galega ata músicas de diversas rexións do mundo.

Nas súas numerosas actuacións sobresaen a súa participación nos Festivais de Panxoliñas celebrados en Vigo e na Catedral de Tui, ou en diferentes Freguesías do veciño Portugal. É preciso nomear tamén a participación en eventos por Asturias, Cantabria e máis recentemente en León (na Basílica de San Isidoro). Participaron no 1o e 2o Festival de Habaneras da Deputación de Pontevedra e en numerosas actuacións por toda a provincia de Pontevedra. Tamén realizou xunto ca Coral San Roque de Vigo e co Grupo Musical Sendeiro un concerto benéfico no teatro García Barbón de Vigo en favor dos afectados pola explosión pirotécnica de Paramos. En setembro do 2019 cantaron a Misa en castelán celebrada na Capela das Aparicións no Santuario da Nosa Señora de Fátima (Portugal), e todos os anos participa nos Encontros Corais da Eurocidade Tui-Valença. Neste último Nadal participou xunto con outras dúas corais e a Banda de Música Popular de Tui no Concerto de Fin de Ano celebrado no teatro da Área Panorámica de Tui.

Nos seus comezos a directora foi Dona Beatriz Gómez Fandiño e posteriormente ata o ano 2014 Dona Mónica Viro Porto, data dende a cal dirixe o actual director, o mestre Don Rafael Pérez Dopeso.

 

REPERTORIO:

1- PERLA ANTILLANA

Francisco Rey Rivero

2- CAMINO DEL INDIO

Ataualpa Yupanki

3- ANGELITOS NEGROS

Antonio machí (A. José Iglesias)

4- ADIOS RÍOS

Letra: Rosalía de Castro

5- BULLERENGUE

CORO “ECOS DO CASTELO” (Parada, Nigrán)

 

Pola súa banda, a formación “Ecos do Castelo” naceu no ano 2006, en Parada (Nigrán), cando un grupo de amigos afeccionados a cantar decidiron xuntarse. Anos máis tarde, acordaron integrarse no Centro Cultural e Deportivo Bolos da Carrasca.

Na actualidade conta con 25 voces mixtas do pobo de Parada e arredores. Todos os que coñecen este Coro e seguen a súa traxectoria coinciden en subliñar a constancia e ilusión dos primeiros anos, xa que o seu obxectivo prioritario é a divulgación da cultura tradicional.

As actuacións deste coro lévanse a cabo na provincia de Pontevedra a través de intercambios culturais.

Esta agrupación está incluída no Plan Cultural da Deputación de Pontevedra. E conta cun repertorio variado, xa que teñen cabida obras puramente clásicas, contemporáneas, relixiosas, populares galegas e venezolanas, dada a procedencia do seu mestre e director, por Don Samuel Carmona.

 

REPERTORIO:

1- A MI MADRE (Zamba Argentina)

José Ignacio Rodríguez

2- 20 AÑOS (Habanera)

Guillermina Aramburú / María Teresa Vera

3- POPURRI GALEGO

Popular

4- CANELA (Trova Cubana)

Pablo Canela

5- CHUVA DE PRATA (Bossanova Brasileña)

Ronaldo Bastos Ribeiro

José Antonio Rincón

 

O VIII Concerto Coral “Ecos do Verán” conta coa colaboración da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón e está patrocinado polo Concello do Rosal, a Comunidade de Montes Sta. Mariña do Rosal e a Excma. Deputación de Pontevedra.