
05 Xul 2023 VIRTUOSISMO, MÚSICA E DIVERSIÓN CON TONICHI&PACHECO NO ROSAL
O dúo levará a súa proposta artística este venres 7 de xullo á Praza do Calvario. Será ás 21.00 horas con entrada de balde
A axenda cultural do Rosal trae moita música para o mes de xullo. Este venres 7 de xullo é a quenda de Tonichi&Pacheco, un dúo con máis de 20 anos de experiencia ás súas costas que presentará unha proposta artística na que se mestura o virtuosismo musical centrado nas grandes figuras da guitarra cunha ampla selección de cancións e toque de humor.
Será ás 21.00 horas na Praza de Calvario cunha actuación de balde na que o público poderá desfrutar da música de Paco de Lucía, Djando Reinhardt, Zorba the Greek… e dunha gran selección de temas de jazz, bossa nova, rumba e rancheira nun concerto para bailar dende principio a fin.
Unidos por unha grande amizade e despois de compartir distintas bandas, Tonichi&Pacheco deciden dar vida a este proxecto co que percorreron escenarios por todo o mundo e compartiron táboas con artistas como Manu Chao, James Brown, Emir Kusturika, Kiko Veneno, Coque Malla, Raimundo Amador, Los Enemigos ou Los Secretos.
Despois da actuación a música continuará na Praza do Calvario da man de Roberto Caco nun concerto organizado por Daordaria e o Bar Tapería A Plaza.