VISITA DE SENDERISTAS DO CONCELLO DE OLEIROS

Os días 16 e 23 de setembro, o noso concello tivo dúas visitas que merecen a pena destacar. Foron dous grupos de persoas maiores senderistas do Concello de Oleiros que nestas xornadas realizaron a Ruta “Máis alá do Miño, entre cabaqueiros e azulexos”. Cada grupo formado por 40 persoas cun interese excepcional por coñecer a cultura dos nosos cabaqueiros, tan importante para entender a historia do barro en Galicia. Pepe “Buraco” encargouse de facer tellas e ladrillos á vez que lle contaba a historia dos nosos cabaqueiros, orixe, destinos, traballo…, respondendo a todas as preguntas, curiosidades e dúbidas.  Despois visitaron o Centro de Interpretación dos Cabaqueiros, onde puideron visualizar o traballo de recollida de información e documentación dun oficio que forma parte do noso patrimonio etnográfico.