
06 Mai 2025 Vocacións para inspirar á mocidade e conectala co mundo laboral real
Concello e CPI Manuel Suárez Marquier organizaron unha nova edición dos seus Encontros con Profesionais para achegar ao alumnado de 4º da ESO a experiencia de persoas traballadoras en diferentes sectores
Cando a teoría sae das aulas para dar paso ao testemuño vivo de quen xa percorreu o camiño, nace unha experiencia transformadora. Con este obxectivo o CPI Manuel Suárez Marquier acolleu unha nova edición dos seus Encontros con Profesionais, unha iniciativa conxunta co Concello do Rosal que busca tender pontes entre o estudantado de 4.º da ESO e o mundo laboral que os agarda á volta da esquina.
Nesta edición, o alumnado tivo a oportunidade de dialogar con catro profesionais de sectores diversos, todos eles con raíces na contorna: Sara Mesa, técnica de control de calidade en Certega; Marga Méndez, xefa de obra e arquitecta técnica en Castro; Vizoso, técnico de mecanizado en Mecalia; e Pablo Pequeño, enxeñeiro técnico industrial en Stellantis. O obxectivo é descubrir, de primeira man, as luces e sombras dunha traxectoria profesional real.
Durante o faladoiro, as mozas e mozos resolveron cuestións como cal foi o camiño ata o emprego actual, a traxectoria formativa e profesional, como é o seu traballo actual, o nivel de expectativas ou se nos seus empregos existe unha conciliación real. Tamén abordaron propostas como o papel dos erros no éxito profesional ou a importancia que ten a vocación nas carreiras profesionais.
“Hai moitas decisións que tomar nesta etapa e moitas veces tómase sen ter toda a información. Estes encontros axudan a que a nosa rapazada vexa opcións, escoite testemuños reais e se sitúe mellor para decidir sobre o seu futuro”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora salientou que “non se trata só de saber que estudos existen, senón de entender como se vive o día a día nun traballo, cales son os desafíos reais e que habilidades son as máis valoradas.”
Esta actividade está integrada dentro do plan de orientación académica e profesional do CPI da Mata coa finalidade de achegar a realidade laboral á mocidade para que poidan tomar decisións formadas, conscientes e motivadoras para o seu futuro.