VOLVEN AS RUTAS GUIADAS POLOS MUÍÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN E A SENDA DOS PESCADORES

O Concello organizará 26 saídas durante os meses de xullo e agosto para grupos reducidos  acompañados por un guía especializado. Haberá tres modalidades, unha delas dirixida a público familiar

O Concello do Rosal volve traer este verán unha proposta de lecer para desfrutar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. Deste xeito, durante os meses de xullo e agosto organizaranse un total de 26 visitas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores que se dividirán en tres modalidades diferentes, unha delas dirixida a público familiar.

As persoas interesadas poden inscribirse xa nas:

Son todas rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán estes recunchos do Rosal da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia. Para garantir as distancias de seguridades entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención, os grupos estarán limitados a 15 persoas. Recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga e o uso de máscara será obrigatorio.

As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na web municipal, incluídos os menores, que tamén deben pagar e facer a pertinente inscrición. As persoas interesadas poderán reservar a súa praza ata dúas horas antes do inicio da ruta e abonar o prezo do banco. A reserva só será válida unha vez sexa efectuado o pago e, para maior seguridade, é obrigatorio levar o ticket de reserva e o xustificante de pago.

Reserva Rutas Guiadas

Información turística

As medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID-19 desaconsellan tanto a presenza de público en espazos reducidos como o reparto de material informativo en papel, polo que o Concello do Rosal decidiu non abrir ao público de novo este ano a oficina de turismo situada ao pé dos muíños do Folón e do Picón. A información estará dispoñible en paneis informativos ao longo da ruta, que conta con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que a través dun código QR poden visualizarse vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro. Toda esta información tamén pode consultarse na páxina web municipal.