Xuño comeza no Rosal cunha axenda repleta de cultura e lecer para todos os públicos

XUÑO COMEZA NO ROSAL CUNHA AXENDA REPLETA DE CULTURA E LECER PARA TODOS OS PÚBLICOS

Actividades literarias, música, exposicións e memoria histórica fusiónanse nun mes cheo de eventos

O Concello do Rosal prepárase para un mes cheo de cultura, diversión e lecer cunha variada axenda de actividades de balde para todos os públicos. Dende eventos literarios e musicais ata exposicións e propostas relacionadas coa memoria histórica, o programa de xuño ofrece unha ampla gama de opcións para desfrutar no municipio.

Ao longo do mes levaranse a cabo “doce actividades dirixidas a diferentes públicos coas que o Concello busca promover a participación de toda a veciñanza e enriquecer a vida cultural do municipio, xa que este tipo de actividades fortalecen o tecido social e enriquecen a calidade de vida de rosaleiros e rosaleiras”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As actividades arrancaron este mesmo luns 5 cunha actividade para o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier, que puido desfrutar de ‘O mel non caduca’, de Ibuprofeno Teatro. Unha obra na que a rapazada sorprenderase coa actividade de dous científicos e apicultores que no ano 2173 levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado.

Tamén ao longo desta semana o Concello acollerá varias actividades do proxecto ‘O pasado por vir’, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que chega ao Rosal cunha semana chea presentacións de libros, exposicións e proxeccións audiovisuais. As actividades comezarán o luns 5 ás 20.30 h no salón de exposicións do Concello coa presentación do libro ‘Mulleres represaliadas no cárcere de Tui’, unha lembranza a todas as mulleres represaliadas da comarca. Contará cunha visita guiada á mostra do mesmo nome.

Por outra banda, do 5 ao 16 de xuño, o salón de exposición acollerá tamén ‘Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’, unha mostra con medio centenar de imaxes a modo de crónica da rodaxe do documental do mesmo nome co que se busca amosar lugares da memoria histórica e feitos relacionados coa represión franquista na provincia de Pontevedra co apoio das voces de artistas do panorama musical galego. A exposición estará aberta ao público de luns a sábado de 10.00 a 13.00 horas. Ademais, o xoves 8 de xuño ás 20.00 horas no auditorio municipal coa proxección do documental ‘Acorda’ e a curtametraxe ‘Mariví, na pel da memoria’, unha peza que conta a historia de Mariví Villaverde.

O sábado 10 será unha xornada cargada de actividades no Rosal. Ás 12.00 h no Espazo do Mercado Marisa Castro presentará o seu libro ‘A saga das curandeiras’, unha obra cativadora que mergullará ao público nun mundo de misterio e tradición ancestral. Tras a presentación haberá sesión vermú coa música en directo deTonichi&Pacheco ás 13.00 horas na Praza do Calvario. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, o auditorio municipal acollerá o IX Concerto de Corais ‘Ecos de Verán’.

A actividade cultural continuará o luns 12 no auditorio municipal ás 10.00 h co contacontos sobre Francisco Fernández del Riego para alumnado a cargo de Polo Correo do Vento e o venres 16 coa actuación de Violencia Zero con Nerea Brey e Miriam Rodríguez ás 20.00 h na Liga de Amigos.

O domingo 18 será a quenda da Festa das Asociacións, que reunirá no parque de Pías á veciñanza para gozar de xogos populares, música e actividades variadas ao longo de toda a xornada. O sábado 24 de xuño o auditorio municipal acollerá un concerto de rock a cargo de San Xerome Emiliani ás 20.00 horas e o mércores 28, coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGTB, a Praza do Calvario será o escenario dun scaperoom e dun concerto con Terapia de Grupo.

O Rosal pechará xuño o día 30 cunha demostración de teatro a cargo do alumnado da Escola Municipal de Teatro no auditorio municipal ás 21.00 horas. A alcaldesa convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a unirse a esta vibrante programación e gozar dun mes repleto de cultura, música e diversión.