A contorna da igrexa das Eiras convértese nun espazo máis accesible

A CONTORNA DA IGREXA DAS EIRAS CONVÉRTESE NUN ESPAZO MÁIS ACCESIBLE

O Concello vén de rematar as obras de recuperación desta zona de elevado valor natural e patrimonial, dando prioridade ás persoas e creando espazos de estancia e convivencia

O Concello do Rosal vén de rematar as obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, os primeiros pasos dun proxecto de recuperación da zona de elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperando o patrimonio cultural e mellorando os accesos, camiños e sendas.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, enfatizou a importancia de continuar mellorando espazos, recuperándoos para as persoas, dando prioridade á accesibilidade e promovendo lugares propicios para a convivencia, a estancia e o lecer. “Queremos que O Rosal sexa un municipio acolledor, no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna”, resaltou.

A mellora da accesibilidade da igrexa e da súa contorna deteriorada é o primeiro paso dun proxecto de transformación que incluíu as ideas e suxestións achegadas pola veciñanza. Nas obras empregáronse materiais de km0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloran a relación entre o medio e as persoas, con formas e cores inspiradas na paisaxe, mellorando a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.

Durante os dous meses que duraron os traballos de transformación integral, na área intramuros achegouse a cota ata a entrada da igrexa cun amplo camiño que garante a accesibilidade e que supuxo unha gran mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopaban en condicións deficientes. Melloráronse ademais as escaleiras e instaláronse bancos corridos que permiten xerar espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa.

As intervencións realizadas mimetízanse coa contorna, xa que durante os traballos se empregaron materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, creouse un efecto verde perenne que compón a perfecta antesala á subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras.

“Os traballos realizados na contorna da igrexa de San Bartolomeu son un exemplo máis de que cada paso que damos para a transformación integral dos nosos espazos busca dar prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e de lecer”, destacou a rexedora.