A cuarta edición do Rosal Cámara Fest xa enche o concello de música

A CUARTA EDICIÓN DO ROSAL CÁMARA FEST XA ENCHE O CONCELLO DE MÚSICA

O concerto de solistas da Agrupación Musical do Rosal deu onte o pistoletazo de saída a unha das citas máis importantes do programa cultural do Rosal 

Ata o 8 de agosto haberá actuacións musicais de balde en diferentes espazos do municipio

A cuarta edición do Rosal Cámara Fest xa enche o concello de músicaA igrexa de Santa Maríña do Rosal foi o escenario elixido para dar o pistoletazo de saída á cuarta edición do Rosal Cámara Fest, un festival organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello que naceu durante a pandemia como un xeito de paliar a imposibilidade de facer concertos con grupos grandes e que acadou un grande éxito de público, converténdose nun referente cultural do verán galego.

O concerto de solistas da Agrupación Musical do Rosal foi o encargado de poñer en marcha este evento cultural que deleitará ao público con ata oito concertos de gran relevancia a nivel musical baixo o lema ‘Melodías do verán: concertos para recordar’.

Nesta cuarta edición, ademais de concertos a cargo de diferentes conxuntos da agrupación rosaleira, O Rosal Cámara Fest contará con grupos que presentarán ao público un repertorio baseado na música tradicional, como o Cuarteto Caramuxo, que actuará na Praza do Calvario o vindeiro 3 de agosto, ou o Camerata Arven, que interpretará un repertorio clásico de compositores galegos o 8 de agosto na igrexa de Santa Mariña do Rosal.

Dentro da programación, destaca tamén o concerto que realizará a Banda da Agrupación Musical do Rosal o vindeiro 25 de xullo na Praza do Calvario, no que acompañará á soprano Ana San Martín e ao tenor Enrique Martínez, que interpretarán unha escola dos mellores musicais de Broadway.

Todos os concertos están programados entre o 20 de xullo e o 8 de agosto e terán lugar, como en edicións anteriores, en diferentes espazos do Rosal, como as Escolas de San Miguel, a Finca Son Rural de Tabagón ou a igrexa de Santa Mariña.

A entrada será gratuíta e algúns dos concertos estarán precedidos dunha ruta guiada pola zona previa inscrición en patri@amodoturismo.com ou no 677 783 296. Ademais, as persoas interesadas poderán participar nunha experiencia apícola con visita guiada de Mel Niño do Corvo o 29 de xullo pola mañá. Reservas en 609 866 792.

Dende o Concello, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, agradece “o labor imprescindible da Agrupación Musical do Rosal para organizar un ano máis este festival” e convida a toda a veciñanza a aproveitar ao máximo a oportunidade que brinda este evento musical e cultural no que se mestura música e patrimonio.