A Feira do Libro regresa renovada ao Rosal

A FEIRA DO LIBRO REGRESA RENOVADA AO ROSAL

Tras tres anos de pandemia, este domingo 23 volve celebrarase co Mercado do libro de segunda man, actividades para todos os públicos e unha exposición a cargo do alumnado do CRA

A Feira do Libro regresa renovada ao Rosal tras tres anos sen poder celebrarse por mor da pandemia. Será un evento que se celebrará durante todo o domingo 23 de abril na Praza do Calvario no que literatura e lecer camiñarán da man a través dun completo programa de actividades, entre as que se atopan o Mercado do libro de segunda man, espectáculos infantís, actuacións musicais ou unha exposición de recomendacións lectoras.

O Mercado do libro de segunda man dará o pistoletazo de saída á xornada ás 12.00 horas coa apertura de postos que estarán rexentados por sete asociacións rosaleiras: Agrupación Musical do Rosal, Asociación Ghorghalado, Asociación de Maiores, San Xerome Emiliani, a ANPA do CRA María Zambrano, Ecos do Folón e CONRAZONES. Todas elas levarán un amplo catálogo de títulos recollidos dos fondos das propias asociacións ou a través dos seus socios e socias para achegar ao público. “O obxectivo é que os libros non queden gardados nun andel, senón que teñan unha segunda vida e que sexan accesibles para todas as persoas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Xunto con estes stands, durante toda a xornada tamén haberá un posto da florería Augaluz para dar presenza ás flores e plantas e “promover que rosaleiros e rosaleiras celebremos o Día do Libro agasallándonos os uns aos outros con libros e flores”.

O programa de actividades comezará pola mañá ás 13.00 horas coas súas ‘Narracións imprevistas. Literatura repentina’ de Santi Prego e Jorge Arcos, un espectáculo para toda a familia co que tentarán parar o mundo a través das súas historias improvisadas.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas será a quenda de @s Jaloch@s e o seu ‘Ritmando’, un espectáculo musical no que nenos e nenas xogarán coa música e a palabra a través dun concerto participativo no que os xogos baseados no ritmo, na percusión corporal, no baile, na escritura creativa e na lingua de signos serán os protagonistas. A xornada rematará co concerto ás 19.30 horas do cantautor Luis Pastor, un referente na música de autor española dende os anos 70.

O programa de actividades completarase coa exposición de recomendacións lectoras do alumnado do CRA María Zambrano, unha mostra na que o público poderá gozar dos podcast creados polos propios nenos e nenas a través dun código QR.

En caso de choiva os postos do Mercado do libro de segunda man e as actuacións infantís trasladaranse aos baixos do Concello, mentres que a actuación de Luis Pastor mudará para o auditorio municipal.