Todos os martes, Concello e Sergas organizan andainas guiadas por profesionais da saúde abertas a todos os públicos

Camiñar pola saúde no Rosal

Todos os martes, Concello e Sergas organizan andainas guiadas por profesionais da saúde abertas a todos os públicos

O Rosal camiña cara a un estilo de vida máis saudable. O Concello e o Sergas colaboran nun novo programa de andainas guiadas por profesionais da saúde que nace co obxectivo de promover e fomentar unha vida activa e hábitos máis saudables entre todos os rosaleiros e rosaleiras, independentemente do seu estado físico e da súa idade.

Realizado pola enfermeira ESAD Ana Alonso e pola fisioterapeuta Margarita Prego, as actividades consistirán en pequenas rutas pola contorna do Rosal adaptadas ao estado físico de todas as persoas participantes que se complementarán con exercicios de forza, equilibro e estiramentos.

As saídas serán todos os martes a partir deste 7 de maio dende o Centro de Saúde do Rosal de 08.30 a 09.30 horas, buscando comezar o día do xeito máis saudable posible e cargando enerxías para o resto da xornada. Están destinadas a público xeral e non será necesaria a inscrición previa coa finalidade de facer accesible a participación a toda a veciñanza que estea interesada.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia de poñer en marcha este tipo de iniciativas e convida a todas as persoas interesadas a participar “nunhas rutas semanais que serán un paso significativo para fomentar a actividade física e o benestar. A saúde é un dereito fundamental de rosaleiros e rosaleiras e apoiar programas como este permitiranos construír unha comunidade máis activa e saudable, promovendo a calidade de vida para todos os nosos veciños e veciñas”.