CARNAVAL E ENTROIDO TRADICIONAL CONVIVEN NO ROSAL

O habitual concurso do desfile contará este ano cun premio especial co que recuperar o entroido nos barrios

Recuperar as raíces ancestrais sen renunciar ás novas tradicións. Ese é o obxectivo do Concello do Rosal, que este ano ten traballado para que Carnaval e Entroido tradicional convivan dun xeito harmonioso nunha festa “con grande arraigo, trascendencia e seguimento social, unha festa que alimenta o bo ambiente e materializa esa retranca que tanto nos caracteriza”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández. Por este motivo, ademais do habitual concurso de carrozas, comparsas, grupos e disfraces individuais que se fallará tras o desfile do domingo 23 (11.00 h), este ano haberá un premio especial ao entroido tradicional do Rosal. “Queremos recuperar o entroido por barrios e recoñecer e visibilizar o gran traballo que fai toda a veciñanza implicada, xerando inercias positivas que se trasladen ao ámbito social e educativo. E para conseguir que o entroido perdure é fundamental que o sintamos como parte das nosas vidas, como parte de nós mesmos”, recalca.

Dúas realidades que conviven xa hoxe en día, grazas ao entroido tradicional que se celebra en barrios como Fornelos e Novás, que comezarán coa programación de carnaval o domingo pola tarde. Grazas á implicación da veciñanza e das comisións de festas, en Fornelos haberá ao longo da tarde pasarrúas, inchables, toro mecánico e verbena, mentres que en Novás a subida do maio, os xogos populares e o chocolate quente e a rosca serán os protagonistas da tarde do domingo. Luns e martes estes barrios celebran ademais dúas das actividades tradicionais máis esperadas por veciños e veciñas, a ‘Corrida do galo’ (luns) e as ‘Frixidelas’ (martes).

Dende o Concello quérese “agradecer á veciñanza o labor por conservar estas festas e toda a historia que teñen detrás, con actividades tradicionais que foron capaces de sobrevivir e manterse co paso do tempo, con rivalidades curiosas e sans ente barrios que aínda hoxe perduran, como a coñecida entre Fornelos e Novás”.

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das modalidades do concurso deste Entroido 2020 poderán facelo ata as 14.00 h do venres 14 de febreiro.