CREACIÓN DUNHA PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA NO ROSAL.

O Rosal ven sufrindo nos últimos anos un deterioro progresivo dos servizos sanitarios da atención primaria. O SERGAS non está cubrindo as vacacións nin as baixas do persoal, o que fai que durante os meses de verán ou cando hai unha baixa médica soamente dous médicos atenden a toda a poboación. Esta situación afecta dun xeito especial ao Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, que permaneceu pechado durante os meses de xullo e agosto deste ano por esa razón. A precarización trasládase a todo o persoal sanitario.
Os veciños e veciñas do Rosal que teñen que desprazarse en ambulancias aos hospitais de Vigo para recibir tratamentos periódicos, como é o caso dos pacientes que acoden ao servizo de hemodiálise, deben soportar unhas viaxes cuns percorridos que os levan a precisar ata nove horas para recibir un tratamento que dura soamente catro.
Por outra parte, O Rosal non conta coa dotación de persoal sanitario que correspondería tendo en conta o número de usuarios.
No mes de xuño solicitouse unha reunión co Conselleiro de Sanidade por parte desta alcaldía da que esperamos resposta.
Posteriormente, mantívose unha reunión con todos os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño e por parte dos cinco solicitouse ter unha reunión co Conselleiro. Tamén seguimos esperando unha resposta.

Por primeira vez neste Concello convocouse, por parte da alcaldía, unha Concentración en defensa da Sanidade Pública, este verán, que tivo unha resposta histórica  de asistencia por parte da veciñanza.
Por todo o anteriormente exposto, a alcaldía do Rosal levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves día 3 de outubro ás 20:30 a proposta de convocar ao asociacionismo, partidos políticos e sindicatos, persoal sanitario, e veciñanza en xeral do Rosal, co fin de crear unha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que teña como obxectivos denunciar as carencias de atención primaria e reivindicar os servizos sanitarios que nos corresponden.